Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today31 agosto, 2026
AECA e a Concellería de Promoción Económica do Concello de Arzúa promoven “Volta á Escola”, unha iniciativa que se desenvolverá do 1 ao 30 de setembro con sorteos, premios e unha gran festa familiar o venres 11 no Campo da Feira
Arzúa, 31 de agosto de 2026. A Asociación de Empresarios da Comarca de Arzúa (AECA) e a Concellería de Promoción Económica do Concello de Arzúa poñen en marcha durante o mes de setembro a campaña de dinamización comercial “Volta á Escola”, unha iniciativa destinada a incentivar as compras nos establecementos locais coincidindo co inicio do novo curso escolar.
Baixo o lema “A mellor volta á escola comeza no comercio local”, a campaña desenvolverase do 1 ao 30 de setembro de 2026 e combinará promoción comercial, sorteos e actividades de lecer dirixidas especialmente ás familias.
Un dos principais atractivos será o sorteo dun ordenador portátil HP. Para participar, as persoas consumidoras poderán solicitar o seu Pasaporte “Volta á Escola” nas librarías asociadas e completar a cartilla conseguindo seis selos correspondentes a seis establecementos diferentes do CCA Arzúa, mediante compras superiores a 15 euros realizadas entre o 1 e o 30 de setembro.
Cristina Carril, xerente de AECA CCA Arzúa, destaca que «con esta campaña queremos acompañar as familias nun momento tan importante como é a volta ás aulas e, ao mesmo tempo, lembrar que no comercio local poden atopar atención próxima, variedade e todo o necesario para afrontar o novo curso. O Pasaporte busca, ademais, animar a percorrer diferentes establecementos e descubrir a ampla oferta comercial que temos en Arzúa».
Pola súa banda, Begoña Balado, concelleira de Promoción Económica, sinala que «Volta á Escola combina apoio ao comercio de proximidade cunha proposta pensada para compartir en familia. Queremos que mercar en Arzúa sexa tamén unha forma de facer vila, contribuíndo a manter vivo o noso tecido económico e xerando actividade nas rúas e nos establecementos locais».

Unha gran festa para celebrar a volta ás aulas
A programación terá un dos seus momentos máis destacados o venres 11 de setembro, coa celebración da Festa Volta á Escola no Campo da Feira de Arzúa, a partir das 17.00 horas e con entrada libre.
A xornada contará cun amplo programa de propostas de lecer para nenos, nenas e familias, entre elas inchables, barredora, obradoiro de personalización de camisetas, coreografía flashmob, festa das cores e sorteos, entre outras actividades.
Ademais, durante a festa realizarase o sorteo presencial dunha bicicleta valorada en 500 euros. Para optar a este premio será necesario recoller previamente unha invitación nalgún dos establecementos asociados a AECA entre os días 1 e 11 de setembro. Esta invitación permitirá tamén conseguir po Holi para participar na festa das cores.
Vales de material escolar por valor de 100 euros
A celebración continuará tamén nas redes sociais. As persoas participantes na Festa Holi poderán optar a vales de material escolar valorados en 100 euros compartindo unha fotografía da súa participación a través de Facebook ou Instagram de Arzúa Turismo, conforme ás condicións establecidas para esta acción.
Con “Volta á Escola”, AECA e a Concellería de Promoción Económica buscan premiar a fidelidade das persoas consumidoras, fomentar as compras no comercio de proximidade e poñer en valor a importancia dos establecementos locais na actividade económica e social de Arzúa.
A iniciativa pretende tamén converter a volta ás aulas nunha celebración compartida, creando un ambiente festivo nas rúas e ofrecendo ás familias unha proposta de lecer coa que despedir o verán e afrontar o inicio do novo curso.
A campaña está promovida por AECA e pola Concellería de Promoción Económica do Concello de Arzúa, e conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia, a través de Comercio Galego, e da Deputación da Coruña, ademais da colaboración de Arzúa Turismo.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)