Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today16 marzo, 2025
A 50ª edición da Festa do Queixo pechou as súas portas cun balance histórico, converténdose na máis multitudinaria ata a data. Máis de 50.000 persoas acudiron a Arzúa ao longo da fin de semana, consolidando o evento como unha cita indispensable para a gastronomía e a cultura galega.
A afluencia masiva de visitantes, procedentes de toda Galiza e doutros puntos do Estado, superou todas as previsións. A demanda foi tal que moitos postos de queixo e o novo espazo gourmet esgotaron os seus produtos xa o sábado, reflectindo un éxito rotundo de vendas, á espera dos datos oficiais. Tamén destacou a gran acollida da nova zona de artesanía, que puxo en valor o talento dos creadores locais.
O Concurso de Petiscos acadou unha participación récord, coa implicación dos bares e restaurantes da vila, que ofreceron propostas culinarias innovadoras e exquisitas. A hostalaría local brillou, e o público respondeu enchendo os establecementos, consolidando o concurso como un dos grandes atractivos da festa.
Un dos aspectos máis valorados desta edición foi a aposta pola inclusión e o ocio familiar. O Pequequeixo, espazo dedicado á infancia, tivo unha participación masiva, mentres que o novo Espazo Concilia permitiu que as familias desfrutasen do evento con comodidade.
A música foi outro piar fundamental do éxito desta edición. Máis de 12.000 persoas asistiron aos concertos, gozando das actuacións de artistas como Capital Voskov, Mondra, The Rapants, Xoel López, Cariño, O Son de Arzúa, Xisco Feijoó e Os Melidaos. A praza do Concello viviu momentos inesquecibles, cunha entrega absoluta do público.
O alcalde de Arzúa, Xesús Carril, cualificou esta edición como «histórica»:
«O que vivimos esta fin de semana foi extraordinario. A Festa do Queixo sempre foi un referente en Galiza, pero nesta 50ª edición superamos todas as expectativas. O récord de asistencia, o éxito dos postos e dos concertos, e a resposta do público demostran que esta festa está máis viva ca nunca. Xa estamos traballando na vindeira edición para seguir facendo historia.»
A 50ª Festa do Queixo non só bateu récords, senón que reafirmou a súa identidade e capacidade de evolución. A organización agradece a todas as persoas que fixeron posible este éxito e pon xa a vista no futuro, con novas propostas para seguir medrando.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)