Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today1 abril, 2024
Padron. 4-1-2024.- Os Concellos de Padrón e de Santiago volveron estreitar lazos no día dedicado á capital de Galicia nas Festas de Pascua. O alcalde local, Anxo Arca, destacou o Camiño de Santiago, a universidade e a Rosalía de Castro como puntos de unión importantes entre ambos municipios. Goretti Sanmartín, pola súa banda, e lembrando a propia Rosalía, resaltou a importancia que o goberno padronés lle quixo dar este ano á presenza feminina na Pascua e a que tamén fose pioneiro cun equipo de fútbol feminino.
“Estou segura de que Rosalía de Castro destacaría a aposta que fixo este ano o goberno padronés pola presenza feminina nas Festas de Pascua”, dixo Goretti Sanmartín durante a súa intervención no salón de plenos, ademais de destacar que Padrón “foi pioneiro en ter un equipo de fútbol feminino”, facendo alusión ao Santo Cristo de Pazos fundado en 1981.
Coincidindo tamén en que tanto Rosalía de Castro como o comercio e o tecido industrial son aspectos que unen aos dous concellos, o alcalde padronés, Anxo Arca, subliñou “a posición que teñen Padrón e Santiago na tradición xacobea”. “É unha evidencia que o Camiño de Santiago, é un camiño que nos une con moitos pobos”, asegurou.
Anxo Arca destacou no seu discurso a “existencia da Universidade de Santiago, que lle abriu unha porta ao mundo enteiro a moitas padronesas e padroneses” e reivindicou a importancia do acto que conmemora o irmandamento entre Santiago e Padrón como “un espazo no que representantes políticos de diferentes ideoloxías atopamos espazos para conversar con tranquilidade e compartir problemáticas que nos son comúns, o que nos permite aprender moito uns doutros”.
O alcalde animou aos membros da Corporación de Santiago e a toda a cidadanía a gozar das Festas de Pascua, a pesares da choiva. Precisamente, as inclemencias meteorolóxicas motivaron que o intercambio de pendóns e de bastóns de mando entre ambas corporacións se celebrase no salón de plenos.
Tralo acto oficial, Goretti Sanmartín asinou no Libro de Honra do Concello de Padrón e, despois, as dúas comitivas escoitaron a actuación das bandas de música de Santiago e de Padrón na praza de Macías, que rematou coa interpretación dos himnos galego e español.
O concerto da Banda de Música de Santiago pechou os actos oficiais cos que o Concello conmemora o Día de Santiago en Padrón todos os luns de Pascua. Despois, ambas corporacións participaron nun xantar de confraternidade.
O Día de Santiago en Padrón celébrase dende hai máis de 60 anos o luns de Pascua, coincidindo coas Festas de Pascua, e ten continuidade en Día de Padrón en Santiago durante a celebración das festas do Apóstolo.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)