Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 marzo, 2026
A banda compostelá Noite Atari é a gañadora da quinta convocatoria de Onda Chicha, o proxecto impulsado por Chichalovers e Radio Líder Santiago para dar visibilidade e oportunidades a bandas e artistas emerxentes da escena musical galega.
Noite Atari naceu en Santiago de Compostela no ano 2020 e está formada por músicos procedentes doutras bandas do panorama musical galego como Cazacús, Impulsos Criminais ou Graxa. O seu estilo está fortemente influenciado polo punk rock e o power pop estadounidense dos anos noventa, con referencias como Jawbreaker, Hot Water Music, The Bouncing Souls ou Green Day.
Ao longo da súa traxectoria publicaron diferentes traballos, entre eles Pais ausentes (2023), Normal (2024) e o recente Happy (2026), un EP de catro cancións no que a banda experimenta con novas sonoridades e colaboracións.
Desde o seu lanzamento, Onda Chicha foi recoñecendo distintos proxectos da nova escena musical galega. Na primeira convocatoria resultou gañadora Lisdexia, seguida por Amaramar na segunda e Why Not? na terceira. Na cuarta edición o recoñecemento foi para Pulpa, e agora Noite Atari súmase á lista de bandas premiadas nesta iniciativa.
Onda Chicha é unha proposta conxunta de Chichalovers e Radio Líder Santiago, que conta coa colaboración de Quincemil, Arde Música, Garaxe Land, Daveiga, Bodegas Lodeiros e Fogar Festivais, co obxectivo de ofrecer unha plataforma de difusión e promoción para o talento musical emerxente.
O prazo para participar na sexta convocatoria de Onda Chicha está aberto ata o 29 de marzo. As persoas interesadas poden consultar as bases de Onda Chicha aquí e acceder ao formulario de inscrición da sexta convocatoria aquí.
As bandas e solistas gañadoras de cada unha das convocatorias teñen acceso a diferentes accións de promoción dentro do proxecto. Entre elas inclúense unha entrevista en Radio Líder Santiago, a gravación dun tema en Chichalovers, unha entrevista na revista Quincemil e a posibilidade de participar no ChichaFest, onde os tres grupos gañadores actuarán en directo na Sala Capitol de Santiago de Compostela o 13 de xuño de 2026.
Ademais, o artista ou banda gañadora de Onda Chicha terá a oportunidade de gravar un EP nos estudos de Garaxe Land.
Escrito por Líder Redacción
ChichaFest chichalovers Noite Atari Onda Chicha radio lider santiago



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)