AD

Comarca

A Banda da Loba, tributo a El Canto del Loco e as mellores orquestras, na Pascua de Padrón

today26 marzo, 2025

Fondo
share close
AD
  • A praza de Macías acolle o sábado 19 de abril, ás 21:00 horas, a inauguración das celebracións coa tiktoker Sara Seco como presentadora
  • París de Noia, Panorama e Olympus lideran o cartel de actuacións xunto as orquestras locais Unión y Fuerza e Charleston
  • Ricky Galende, A Banda da Loba e o Tributo a El Canto del Loco son outros dos pratos fortes da Pascua 2025
  • A música será unha vez máis a gran protagonista converténdose no eixo central das festas entre o 12 e o 27 de abril
  • O Concello aposta pola presenza femenina e o talento local
  • A programación inclúe noites dedicadas á mocidade e ao rock

Padrón. 26-3-2025.- O Concello de Padrón entra na conta atrás para a celebración das tradicionais Festas de Pascua que se desenvolverán do 12 ao 27 de abril e que volverán contar cun amplo e intenso programa de actos pensado para todos os públicos.

A inauguración oficial terá lugar o sábado 19 de abril ás 21:00 horas na Praza de Macías, onde a triatleta de élite Martina López Gestal será a encargada de pronunciar o pregón. A deportista, actualmente integrante do Triatlón Inforhouse Santiago, foi pioneira na súa disciplina, sendo a primeira muller en obter licenza no Triatlón Vilagarcía. Ao longo da súa traxectoria, acadou importantes recoñecementos, entre eles o campionato de España de triatlón de media distancia (categoría 35-39 anos) en 2021 e a terceira clasificación no Campionato Galego de 2019.

A presentación da inauguración correrá a cargo de Sara Seco, creadora de contido e premiada no certame Youtubeiras + polo seu traballo en TikTok. A comunicadora, orixinaria de Valga, será a encargada de conducir o acto de apertura das Festas de Pascua. Con esta escolla, o Concello de Padrón reforza o seu compromiso coa visibilidade das mulleres no ámbito cultural e festivo, así como co talento da comarca e dos pobos irmáns, como tamén se reflicte na elección do ilustrador lestrovense Mateo Pardal como autor do cartel oficial das festas.

As celebracións incluirán a actuación dalgunhas das mellores orquestras de Galicia, cun programa musical de primeiro nivel que se desenvolverá en distintos puntos da vila. O mesmo día do pregón, a festa comezará coas actuacións de La Fórmula, que celebra os seus 10 anos cun espectacular directo, e Unión y Fuerza, orquestra padronesa de referencia.

O domingo de Pascua converterase na Noite Xove, cunha programación especialmente pensada para o público máis novo. Desde as 19:30 horas, Magos, unha formación nova e dinámica, ofrecerá o seu espectáculo antes da emblemática París de Noia, que desde 1957 marca a diferenza co seu escenario móbil de última xeración. Á 1:00 horas, Ricky Galende presentará o seu espectáculo de música, son e iluminación Renovation Experience no paseo do Espolón, garantindo unha noite de festa e diversión.

O luns de Pascua, o protagonismo recaerá dende as 21:00 horas en Los Satélites, con máis de 80 anos de traxectoria, e ás 22:30 horas en Olympus, unha das orquestras máis espectaculares de Galicia con escenografía, coreografías e luminotecnia de alto nivel.

O martes, o Dúo Máster de Padrón animará a xornada antes da chegada ás 23:00 horas de Panorama, unha das orquestras máis populares de España cunha media de 200 actuacións anuais.

Máis propostas durante a Pascuilla

Desde o Concello de Padrón búscase ofrecer unha programación musical pensada para todos os gustos, combinando modernidade e tradición. Así, durante a Pascuilla, a música seguirá enchendo as rúas de Padrón con bandas como Los Wavy Gravies, Five Star Service ou Banda de Nash, ademais de orquestras como América, Kubo, Marbella e as padronesas Atenas e Charleston que suma xa dúas décadas enriba do escenario. O venres da Pascuilla estará marcado pola predominancia do rock, reforzando así a diversidade musical e apostando por novas propostas para todos os públicos.

A Banda da Loba, grupo galego integrado por cinco mulleres que fusionan pop, blues, folk e rock, será outro dos grandes atractivos destas festas en Padrón. Ademais, o Tributo a El Canto del Loco e as sesións dos diferentes DJs no Open Air garanten unha festa completa ata a madrugada.

Como antesala á espectacular tirada de fogos de artificio á medioanoite do domingo de Pascuilla, que marcará un dos momentos máis emocionantes das festas, o público poderá gozar dunha serie de proxecións audiovisuais que engadirán unha dimensión especial ao evento.

O amplo, variado e ambicioso programa de orquestras e actuacións reflicte o compromiso do Concello de Padrón por manter viva a tradición festiva da vila, atraendo a veciñanza e visitantes con espectáculos de primeiro nivel, convertendo a vila nun punto de encontro festivo de referencia en Galicia.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *