Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 octubre, 2026
O investigador e profesor emérito José María Fraga inaugurará o encontro o vindeiro 7 de outubro co achado histórico que ilumina a etapa de formación do intelectual galego, a quen se consideraba autodidacta.
O evento reunirá á comunidade educativa e a referentes da creación, o patrimonio, a artesanía téxtil, a xoiaría e a economía circular.
A Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo (EASDMM) celebra este mércores 7 de outubro no auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e en colaboración coa Fundación DIDAC as súas Xornadas Apertura do curso académico 2026/27, cunha xornada dedicada a conectar a formación do alumnado coa realidade profesional e os debates do sector creativo.
A edición deste curso contará cun carácter especialmente significativo grazas ao recente achado histórico realizado polo investigador José María Fraga, profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Fundación Castelao. Fraga revelou que Alfonso Rodríguez Castelao figurou como alumno na antiga Escuela de Artes y Oficios de Santiago —xerme da actual EASD Mestre Mateo—, un descubrimento que arroxa nova luz sobre a biografía do autor e demostra a súa formación académica no debuxo, ámbito no que ata o de agora se tiña por autodidacta. Esta novidade servirá como eixe da conferencia inaugural das xornadas, titulada «A Escola de Artes e Oficios de Santiago: academia de debuxo de Alfonso Rodríguez Castelao», poñendo en valor a herdanza histórica do centro como berce e impulso do talento artístico en Galicia.
Eixes temáticos e profesionais convidadas
Máis alá do repaso histórico, as Xornadas Apertura ofrecerán un panorama multidisciplinar arredor do deseño sustentable, os novos materiais e os procesos de creación consciente:
Os especialistas Pablo García-Bodaño López e Noemí Cortizas presentarán a ponencia «Non hai residuo sen valor, só falta de visión». A través da experiencia do obradoiro e laboratorio de I+D galego WIM Studio, explicaranse solucións sostibles como a transformación de excedentes téxteis, resinas naturais e conchas de mexillón en materiais ecolóxicos de alta calidade e deseño.
A deseñadora téxtil e fundadora da firma Maar Hats, Jana López, abordará o seu percorrido creativo co relatorio «10 anos de sombreiros». López compartirá coa comunidade educativa unha década de traxectoria no deseño artesanal e na sombreirería de autor desenvolvida en Galicia, analizando os retos da produción local e a posta en valor dos oficios tradicionais.
A artista e deseñadora de xoias Carla Souto exporá a súa visión na intervención «Un mundo nun grao de area». Con este fío condutor, a creadora afondará na exploración dos procesos creativos, o detalle e a expresión artística aplicada á xoiaría contemporánea e á escultura de autor.
Fotografía, memoria e territorio (Ariadna Silva Fernández): A fotógrafa, artista visual e cineasta Ariadna Silva Fernández pechará os relatorios coa charla «Paisaxes e memorias: unha mirada consciente e poética cara o territorio». Na súa intervención, afondará no poder da imaxe audiovisual e fotográfica como ferramenta para documentar a identidade, a paisaxe e a memoria colectiva dende un enfoque consciente.
Datos principais do evento
Título: Xornadas Apertura 2026/27 da EASD Mestre Mateo.
Destinatarias/os: Comunidade educativa da EASD Mestre Mateo.
Data: Mércores, 7 de outubro de 2026.
Lugar: Auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Santiago de Compostela.
Horario: De 9:30 h a 14:00 h.
Sobre a EASDMM
A Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo é o único centro público de Galicia que imparte os Graos en Deseño en Ensinanzas Artísticas Superiores nas especialidades de Moda e Deseño de Produto (itinerario xeral e itinerario DUAL en Xoiaría e Complementos) e as Ensinanzas Artísticas Profesionais en Xoiaría Artística e Técnicas Escultóricas. Tamén imparte as Ensinanzas Profesionais de Fotografía e oferta modular en Taller de Dourado e Prateado.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)