AD

Actualidad

A nova améndoa central de Bertamiráns da prioridade aos peóns

today3 enero, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

Recentemente remataron e foron recepcionadas as obras que se executaron para humanizar a améndoa central de Bertamiráns. Este proxecto estivo cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. A través de dita actuación mellorouse a comunicación cos equipamentos públicos e as zonas verdes, contribuíndo á dinamización da economía e do comercio local. Actuouse en seis rúas e dúas prazas en tres fases distintas de execución. Converteuse o centro urbano de Bertamiráns no eixe vertebrador da vila, sen prohibir o tráfico rodado, e dándolle prioridade ás persoas para favorecer que os percorridos cotiáns se realicen a pé. Premendo nesta ligazón podes ver un vídeo resumo sobre a evolución de dito proxecto.

O Concello de Ames pechou a finais deste mes de decembro a execución da EDUSI Impulsa Ames. Un dos proxectos máis importantes executadas dentro de dita EDUSI foi a humanización da améndoa central de Bertamiráns. Ademais, esta actuación é unha das boas prácticas enmarcadas na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable (EDUSI), Impulsa Ames, cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O proxecto foi elaborado por Estudio Técnico Gallego e executado pola UTE Construcciones Cernadas SL e Vázquez Reino SL. O importe de adxudicación das obras ascendeu a 1.347.000 euros. Os obxectivos xerais da actuación foron favorecer que os percorridos cotiáns se realicen a pé; mellorar a comunicación cos equipamentos públicos e as zonas verdes; e contribuír á dinamización da economía e do comercio local. Deste xeito, actuouse en seis rúas e dúas prazas (avenida da Maía, travesía da Peregrina, rúa do Rueiro, rúa Alcalde Lorenzo, rúa Entrerríos, rúa Ameneiral, praza da Maía e praza do Concello) en tres fases distintas de execución.

A través de ditas obras executouse unha plataforma continua e á mesma altura na avenida da Maía, rúa Alcalde Lorenzo e na praza da Maía, para facilitar a mobilidade, o encontro da veciñanza e maila interacción social. Tamén se abordou a remodelación da rúa do Rueiro e da Travesía da Peregrina converténdoas nunha prolongación da praza da Maía no acceso cara ao parque do Ameneiral. Por último, executouse a conexión das rúas Entrerríos e Ameneiral coa praza do Concello e cun itinerario peonil e ciclable.

O alcalde, Blas García, explica que “as actuacións executáronse sobre o sistema viario xa existente, pensado e proxectado nun inicio dende a perspectiva do automóbil, pero que reverteron esta situación en favor do tráfico peonil e ciclista, de xeito que a améndoa central é un gran espazo cidadán no que se dan todas as facilidades necesarias para realizar os percorridos a pé e en bicicleta, e ao mesmo tempo permite dinamizar as actividades comerciais e de ocio”.

Problemas detectados e solucións adoptadas

Existían unha serie de problemas aos cales se deu solución coas obras executadas. Había un deseño non proporcional ás necesidades dos peóns con beirarrúas moi estreitas; deficiencias no cumprimento dos estándares de accesibilidade (plataformas a diferentes alturas, acceso ás beirarrúas, etc.); e unha contorna pouco amable coa peóns.

Coa humanización da améndoa central de Bertamiráns déuselle prioridade aos espazos peonís co incremento das beirarrúas, eliminación de barreiras arquitectónicas e continuidade nos itinerarios. Tamén se calmou o tráfico reducindo a velocidade nas interseccións e coa creación de plataformas compartidas por vehículos e peóns. Por último, realizouse unha importante renovación da imaxe desta zona coa instalación de mobiliario urbano máis moderno e cunha maior coherencia nos diferentes pavimentos instalados.

Esta actuación é unha das boas prácticas enmarcadas na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable (EDUSI), Impulsa Ames, cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Con esta actuación o Concello abordou as principais dificultades e desafíos que xorden ao amparo do crecemento físico experimentado polo municipio nas últimas décadas.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%