AD

Comarca

Arzúa celebra o Día Mundial do Turismo cunha fin de semana chea de actividades

today18 septiembre, 2026

Fondo
share close
AD
  • A Concellería de Turismo organiza os días 26 e 27 de setembro unha programación especial que inclúe unha ruta pola Ermida da Mota, música na Praza da Vila e varias saídas do tren turístico

Arzúa, 18 de setembro de 2026. A Concellería de Turismo do Concello de Arzúa celebrará os vindeiros 26 e 27 de setembro o Día Mundial do Turismo cunha programación especial dirixida tanto á veciñanza como ás persoas que visiten o municipio durante esa fin de semana.

Natureza, patrimonio, música e lecer danse a man nesta iniciativa, coa que o Concello pretende dar a coñecer a diversidade de recursos que ofrece o territorio e continuar reforzando a promoción de Arzúa como #DestinoVerde.

A programación comezará o sábado 26 ás 09.00 horas cunha nova proposta de Arzúa Camiña, nesta ocasión cunha ruta pola Ermida da Mota e a súa contorna. A actividade permitirá descubrir a pé un dos espazos naturais e patrimoniais do municipio, poñendo en valor a paisaxe e o patrimonio rural arzuán.

A concelleira de Turismo, Begoña Balado, destaca que esta celebración «é unha oportunidade para amosar todo o que Arzúa pode ofrecer a quen nos visita, pero tamén para que a propia veciñanza redescubra o patrimonio, as paisaxes e os espazos que temos ao noso carón».

Balado sinala tamén que «Arzúa é internacionalmente coñecida pola súa vinculación co Camiño de Santiago, pero temos moito máis que ofrecer. Queremos que as persoas que chegan ao noso municipio atopen motivos para parar, coñecernos, quedar e volver».

A celebración continuará o sábado ás 20.00 horas na Praza da Vila coa actuación conxunta de Bieito Pereira coa Rondalla Moraima, incorporando a música e a cultura popular a unha xornada pensada para gozar de Arzúa e dos seus espazos públicos.

O domingo 27 será a quenda do tren turístico, que contará con catro saídas ao longo da xornada, ás 11.00, 14.00, 16.00 e 19.00 horas. Unha proposta especialmente atractiva para o público familiar que permitirá percorrer e coñecer Arzúa dunha maneira diferente.

Desde a Concellería de Turismo considérase que a celebración do Día Mundial do Turismo constitúe tamén unha oportunidade para seguir avanzando nun modelo turístico vinculado á natureza, á cultura, ao patrimonio e á identidade local, aproveitando a posición estratéxica de Arzúa no Camiño de Santiago e favorecendo ao mesmo tempo o coñecemento doutros recursos do municipio.

«A nosa aposta é por un turismo respectuoso co territorio, que contribúa a dinamizar Arzúa e a súa economía e que permita poñer en valor aquilo que nos identifica. Temos natureza, patrimonio, gastronomía, cultura e unha situación privilexiada no Camiño; recursos que debemos seguir dando a coñecer baixo a identidade de Arzúa #DestinoVerde», explica Begoña Balado.

A concelleira anima finalmente «a toda a veciñanza de Arzúa e ás persoas que nos visiten esa fin de semana a participar nas actividades e a celebrar connosco o Día Mundial do Turismo. Preparamos unha programación para diferentes públicos e, sobre todo, para gozar e descubrir Arzúa».

Con esta iniciativa, a Concellería de Turismo súmase á celebración do Día Mundial do Turismo, que se conmemora internacionalmente cada 27 de setembro, convertendo a efeméride nun escaparate para promocionar os recursos turísticos, naturais e culturais do municipio.

A programación está organizada pola Concellería de Turismo do Concello de Arzúa e conta coa colaboración das entidades e iniciativas institucionais que participan na promoción turística e territorial e que figuran na campaña: Xunta de Galicia, Galicia Calidade e Xacobeo 2027.

Desde a Concellería de Turismo agradécese a colaboración das institucións implicadas e o seu apoio ás iniciativas destinadas a promocionar Arzúa e reforzar o seu posicionamento como destino turístico verde, sostible e ligado á identidade de Galicia.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *