Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today1 octubre, 2026
A mellora deste espazo suporá un investimento de máis de 1,5 millóns de euros, financiados a tres bandas: Deputación, Xunta de Galicia e Concello da Estrada.
A achega municipal situarase nos 70.000 euros, sendo a institución provincial a que aporte 1,1 millóns.
As comportas quedan hoxe abertas no Liñares e xa se colocou a cartelaría que prohibe o acceso a este espazo.
A Estrada, 1 de outubro de 2026.- O arranque do mes de outubro supuxo o peche da tempada estival na praia fluvial de Porta Pousada. O Concello abrirá hoxe as comportas que se instalan cada verán no leito do Liñares para que o nivel do río permita o baño e a primeira hora quedou colocada nas entradas do recinto a cartelaría que prohibe o acceso, de maneira que espazo está oficialmente pechado ao público. Porén, este ano faino cun horizonte diferente. Nestes últimos meses de 2026 lanzarase a licitación para unha reforma e mellora integral desta praia fluvial, coa previsión de que inicie o 2027 en obras.
Deste xeito, o Concello traballa para que no último trimestre deste ano poida realizarse a licitación dunhas obras que terán un orzamento superior a 1,5 millóns de euros. Serán financiados a tres bandas: Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e Concello da Estrada. A institución provincial achegará a maior contía a través do seu Plan Extra, superando o millón de euros. A cantidade restante chegará da administración autonómica, correspondendo ao Concello investir pouco máis de 70.000 euros.
A praia fluvial de Liñares estará xa en obras no arranque do novo exercicio. O obxectivo destes traballos é executar unha ambiciosa actuación na praia, na que convivan a aposta polo valor medioambiental do recinto e a importancia que as contornas fluviais teñen na Estrada, xunto cunha acción que incremente o seu peso como recurso de atracción turística nun concello do interior como é A Estrada.
Son tres as zonas básicas que van marcar a ordenación deste ámbito. O primeiro deles sería o borde fluvial, contemplando os usos da praia e a conservación da vexetación da ribeira. O segundo serían as áreas arboradas, nas que conflúen os diferentes usos recreativos, sociais e culturais, caso do espazo de xogo infantil, a zona de mesas ou os paseos. En terceiro lugar estarían os elementos construtivos: as terrazas, bar, restaurante e almacén, todos eles situados nun nivel topográfico superior, por encima da cota da ponte e afastados da zona inundable.
Deste xeito, o proxecto que se presente terá que recoller actuacións en todos estes puntos, buscando conxugar unha mellora de toda a ampla zona verde e de valorización do marco fluvial co interese de facer atractiva e rendible a parte destinada aos servizos de hostalería.
A praia fluvial de Liñares ten garantido o acceso público para goce e esparexemento do conxunto da cidadanía ata o ano 2075, no marco da ampliación a 50 anos da cesión de uso acordada polo Concello da Estrada coa Sociedade Deportiva Río Ulla.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)