AD

Actualidad

A rehabilitación do pazo do Martelo en Rianxo rematará en outubro, no prazo acordado co Ministerio

today18 octubre, 2024

Fondo
share close
AD
  • O alcalde de Rianxo e o concelleiro de Obras visitaron o edificio acompañados polo representante da empresa que executa as obras
  • A reforma, que trata de recuperar a estrutura orixinal do pazo, foi adxudicada en 1,4 millóns euros e conta cunha subvención dun millón da Unión Europea
  • Julián Bustelo: “O Goberno central concedeunos un mes de prórroga e xa temos parte da xustificación presentada, como nos indicaron os técnicos do ministerio”

Rianxo. 19-10-2024.- As obras de rehabilitación do pazo do Martelo, que tratan de recuperar a estrutura orixinal do edificio ademais de mellorar a súa eficiencia enerxética e accesibilidade, rematarán a vindeira semana. Así llo trasladou o encargado da obra da empresa Sergonsa ao alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, e ao concelleiro de Obras, Alberto Angueira, na visita que fixeron ao edificio esta semana.

Julián Bustelo recorda que a obra rematará no prazo sinalado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, “que nos concedeu un mes de prórroga para acabar a reforma e xustificar a subvención dun millón de euros antes do 31 de outubro”. O alcalde engade que hai uns días técnicos do ministerio estiveron explicando como xustificar esta subvención a través da plataforma habilitada, “e xa temos entregada parte desa documentación”.

A rehabilitación integral do pazo do Martelo foi adxudicada en 1.410.912,03 euros e conta cunha subvención de 978.709,98 euros da Unión Europea a través do PIREP (Programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos) do Ministerio.

O alcalde resalta que, “para unha obra destas características, que supuxo a rehabilitación integral dun edificio histórico adquirido polo concello en 1973, ter so un mes de retraso demostra que se están facendo ben as cousas. Por iso poderemos xustificar a subvención en tempo e forma”, engade Julián Bustelo.

A rehabilitación integral do pazo do Martelo ten por finalidade evitar os graves problemas de filtración de auga que estaban a deteriorar o edificio, e recuperar a estrutura orixinal do mesmo, despois da reforma acometida nos anos oitenta, polo que agora tamén se eliminaron os balcóns da fachada que da á ría para recuperar a parede branca con ventás. O proxecto inclúe importantes melloras de eficiencia enerxética e de accesibilidade deste pazo que se levantou a finais do século XVII e principios do XVIII.

O interior do edificio foi derrubado integramente e reconstruído de novo, con dous andares diáfanos. Nestes momentos estase a colocar o chan no andar superior, no que está previsto volver colocar a biblioteca municipal, habilitar postos de investigación e unha zona de lectura máis ampla.

O andar inferior, que está a altura da praza Rafael Dieste, contará cunha estancia diáfana con acceso as dúas fachadas do edificio, entre outros servizos.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *