Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 octubre, 2026
O liderado da Universidade de Santiago de Compostela enmárcase nunha evolución positiva do voluntariado universitario en todo o país. FOTO: Santi Alvite
Así se desprende do XIV Estudo sobre Voluntariado Universitario, elaborado pola Fundación Mutua Madrileña
A Universidade de Santiago de Compostela é a institución académica española con maior participación estudantil en actividades de voluntariado durante o curso 2025-2026. En total, 4.257 alumnos colaboraron nos seus programas, principalmente da rama de Ciencias Sociais e Xurídicas. Séguena a Universidade CEU San Pablo, con 3.903 estudantes voluntarios, e a Universitat de Girona, con 2.462. Así se desprende do XIV Estudo sobre Voluntariado Universitario, elaborado pola Fundación Mutua Madrileña no marco da XIV edición dos seus Premios ao Voluntariado Universitario.
A elevada participación do estudantado canalizouse a través de 199 proxectos, dos cales un 7 % foi de nova creación. A colaboración co terceiro sector constitúe un dos principais trazos do modelo da universidade, o 92 % das iniciativas levouse a cabo xunto a entidades sen ánimo de lucro. A infancia, o medio ambiente e o voluntariado hospitalario foron os principais ámbitos de actuación. As accións tiveron, na súa maioría, unha duración de entre tres e seis meses, o que favorece a continuidade e permite ao estudantado compatibilizar o seu compromiso coas esixencias do curso académico.
A proximidade define igualmente a actividade da Universidade de Santiago de Compostela. Deste xeito, a totalidade dos proxectos desenvolveuse en Galicia, reforzando a conexión da comunidade universitaria coa súa contorna e a cooperación con entidades sociais da rexión. En conxunto, estas iniciativas beneficiaron directa ou indirectamente a preto de 50.000 persoas.
O voluntariado universitario mantén o seu crecemento en España
O liderado da Universidade de Santiago de Compostela enmárcase nunha evolución positiva do voluntariado universitario en todo o país. Durante o curso 2025-2026, as universidades españolas promoveron máis de 3.400 proxectos, case un 20 % máis que o ano anterior, e mobilizaron 23.600 estudantes, o que supón un incremento do 9 %. Este avance procede tanto da consolidación de programas existentes como da posta en marcha de novas propostas. Das accións contabilizadas, 723 foron de nova creación, o 21 % do total. As entidades do terceiro sector desempeñan un papel fundamental neste modelo. O 77 % dos proxectos universitarios lévase a cabo en colaboración cunha ONG, fronte ao 23 % promovido directamente polos centros académicos.
Este estudo, realizado a partir das respostas de 43 universidades públicas e privadas e de 121 entidades do terceiro sector, permite tamén trazar o perfil do voluntario universitario: tres de cada catro voluntarios son mulleres, a rama de Ciencias Sociais e Xurídicas adoita ser a máis predominante e dedican unha media de entre dúas e catro horas semanais de media a colaborar en accións solidarias. Os programas relacionados coa infancia, os colectivos en risco de exclusión social e as persoas maiores concentran o maior número de iniciativas nas que se involucran os alumnos. A gran maioría dos proxectos, o 85 %, realízanse en España.
XIV Premios ao Voluntariado Universitario
O estudo publícase no marco dos XIV Premios ao Voluntariado Universitario que promove a Fundación Mutua Madrileña. A convocatoria, aberta ata o 30 de outubro, distribuirá 50.000 euros entre os oito proxectos que resulten gañadores.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)