Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 octubre, 2026
O alcalde anuncia unha nova licitación da reforma sanitaria, avanza a creación dun centro de día en San Fins e sinala a vivenda e a mellora das pistas como prioridades municipais
Carlos Martínez quere volver encabezar a candidatura do Partido Popular en Vedra para completar os principais proxectos que o Concello ten en marcha. Nunha entrevista en Radio Líder Santiago, o alcalde expresou a súa disposición a presentarse de novo e situou entre os seus obxectivos a rehabilitación do centro de saúde e a creación dun centro de día. «É unha decisión pensada, reflexionada», afirmou, antes de explicar a motivación para continuar: «Non queres marchar sen velos rematados».
A reforma do centro de saúde figura entre as actuacións máis urxentes. A primeira licitación quedou deserta e o goberno local decidiu actualizar os prezos para volver sacar a obra a concurso. Martínez relacionou esa situación co encarecemento dos traballos e coa rapidez coa que os orzamentos dos proxectos quedan desfasados. «Antes eran anos, agora hai meses», resumiu. A súa previsión, no momento da entrevista, era conseguir a adxudicación e iniciar as obras antes de rematar o ano.
O alcalde cualificou a intervención de «moi necesaria» e avanzou que a renovación do edificio deberá acompañarse dunha mellora do exterior. O propósito é acondicionar tanto as instalacións como a súa contorna para adaptalas ás necesidades actuais.
Outra das novidades é o futuro centro de día, que se instalará nun edificio da parroquia de San Fins, ao lado da escola infantil municipal e preto da estrada N-525. Segundo explicou Martínez, a Xunta concedeu unha subvención para iniciar a rehabilitación ao considerar a iniciativa un proxecto estratéxico. «Era unha necesidade, unha reivindicación das familias de Vedra hai moito tempo», destacou. O rexedor diferenciou a finalización das obras da posterior posta en funcionamento do servizo.
A conservación das pistas e a extensión da rede municipal de auga tamén ocupan unha parte importante da actividade do Concello. Martínez detallou que se estaban executando traballos de reparación de fochancas, con varias actuacións de aglomerado pendentes de adxudicación e novos proxectos en preparación. No abastecemento, explicou que a falta de chuvia incrementou as peticións para ampliar a rede, aínda que Vedra non sufriu problemas de subministración durante o verán. Si houbo, precisou, unha especial vixilancia das avarías e dos consumos excesivos.
A dispersión da poboación condiciona a capacidade municipal para atender esas demandas. «Cada veciño ten un problema», sinalou o alcalde, que puxo o saneamento como exemplo do custo de prestar servizos nun concello rural. Segundo os seus cálculos, levar a rede de sumidoiros pode supoñer entre 15.000 e 20.000 euros por vivenda cando hai poucas casas separadas por grandes distancias. «Pagan os seus impostos igual que calquera outro e precisan deses servizos», reivindicou.
Na vivenda, Martínez describiu un mercado con pouca oferta dispoñible: os inmobles destinados ao alugueiro están ocupados e os que saen á venda atopan comprador rapidamente. Estimou que existen entre cen e duascentas propiedades desocupadas que poderían contribuír a aliviar esa presión. «Temos que estimular que esas vivendas saian ao mercado», defendeu, deixando claro que a decisión corresponde aos propietarios.
O Concello tamén intenta favorecer a recuperación dunha promoción que quedou paralizada hai anos en San Xián de Sales. O alcalde asegurou que existe interese de promotores privados e apuntou a unha posible primeira fase dunhas trinta vivendas, dentro dunha actuación que podería superar o cento. Con todo, evitou dar o proxecto por feito: «Somos moi prudentes nese aspecto».
A entrevista deixou tamén unha chamada á moderación na vida pública. Martínez advertiu dun aumento da crispación que, ao seu xuízo, vai máis alá da política, e pediu valorar as persoas polos seus feitos e respectar as discrepancias. Esa defensa da convivencia trasladouna ao Pasabodeghas de San Miguel de Sarandón, que presentou como unha expresión do tecido asociativo e da identidade local: «É un evento festivo, pero festivo amable», no que se reúnen persoas de distintas idades e ideoloxías para compartir viño, gastronomía e unha tarde entre veciños.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)