Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today30 abril, 2026
Marta Abal denuncia que o Club Natación Santiago está a ser directamente prexudicado pola falta de planificación do Goberno de Sanmartín, cun traslado forzoso a instalacións doutros concellos, custos superiores aos 8.000€ e menos horas de adestramento.
Os socialistas cargan contra a xestión do Goberno de Sanmartín, que cualifican de improvisada e sen planificación, por non prever alternativas nin garantir condicións dignas antes de iniciar as obras, trasladando ás entidades e ás familias o custo da súa mala xestión.
A concelleira do Grupo Municipal Socialista, Marta Abal, denunciou a situación absolutamente inaceptable que está a vivir o Club Natación Santiago como consecuencia da falta de planificación do Goberno da señora Sanmartín na execución das obras da piscina de Santa Isabel.
Abal recoñeceu que as actuacións nas instalacións eran necesarias, pero advertiu de que “o que non é asumible é que a falta de previsión obrigase ao club a un exilio improvisado a instalacións doutros concellos”, unha situación que, segundo explicou, tivo un impacto directo tanto no funcionamento da entidade como na súa economía. Neste sentido, subliñou que o club tivo que asumir “un custo superior aos 8.000 euros que saíu directamente dos seus propios recursos”.
A concelleira socialista puxo o foco tamén nas consecuencias actuais da reorganización dos espazos, que está a derivar en “menos horas de adestramento” para o club, agravando aínda máis a situación dunha entidade que xa viña facendo esforzos para manter a súa actividade.
Segundo trasladou Abal tras manter unha xuntanza co club, esta problemática non é puntual, senón que está a ter efectos a medio prazo. “Xa perderon usuarios nos últimos meses e seguen vendo reducido o seu espazo de adestramento”, advertiu, incidindo en que esta evolución “evidencia un problema de futuro que require solucións urxentes”.
A edil socialista sinalou ademais outras carencias derivadas desta falta de planificación, como a perda de instalacións sen alternativa. “Eliminouse o ximnasio da piscina sen ofrecer unha solución, e propostas como o programa AugaSan quedaron en boas palabras pero sen ningún feito por parte do Goberno”, criticou.
Neste contexto, Abal reivindicou o papel do Club Natación Santiago como entidade de referencia. “Estamos a falar dun club clave na nosa cidade, que traballa co deporte base e tamén a nivel competitivo, e que non pode estar facendo malabares para poder adestrar en condicións dignas”, afirmou.
Para a concelleira, esta situación non é un feito illado, senón que responde a un problema estrutural. “O que estamos vendo é a consecuencia dunha falta de planificación seria das infraestruturas deportivas en Santiago, con espazos insuficientes e sen alternativas cando xorden imprevistos”, advertiu.
Abal insistiu en que o Goberno municipal debe cambiar a súa forma de actuar, “non se pode seguir improvisando, é imprescindible planificar, coordinar e garantir alternativas reais antes de iniciar actuacións deste tipo”, sinalou, reclamando unha xestión responsable que teña en conta ás entidades deportivas da cidade.
Finalmente, a concelleira socialista foi clara ao advertir das consecuencias desta situación indicando que “o deporte en Santiago merece máis respecto. E os clubs e as familias non poden seguir pagando as consecuencias dunha mala xestión”, concluíu, reiterando a necesidade dun cambio de rumbo na política deportiva municipal, en liña co que os socialistas veñen denunciando sobre a falta de planificación e anticipación do Goberno local.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)