AD

Actualidad

Adxudícase a reparación da cuberta do pavillón polideportivo de Bertamiráns por 170.000 €

today27 diciembre, 2023

Background
share close
AD

 

 

 

A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación das obras de reparación da cuberta do pavillón polideportivo de Bertamiráns. O proxecto, que forma parte do POS+2022, foi adxudicado á empresa Excavaciones y Transportes Ivanca SL por un importe total de 169.050,59 euros. As obras contemplan a colocación dun novo sistema de cuberta formado por un panel nervado de aceiro galvanizado, así como de paneis translúcidos. Para a fachada empregaranse paneis de chapa simple, e ademais instalarase un sistema de evacuación de augas pluviais.

O núcleo urbano de Bertamiráns vai gozar dunha renovación da cuberta do seu pavillón deportivo, tras a adxudicación do proxecto pola Xunta de Goberno Local o pasado xoves 14 de decembro. As obras, adxudicadas á empresa Excavaciones y Transportes Ivanca SL, terán un custo de 169.050,59€, IVE incluído.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, explica que “esta instalación foi construída hai preto de 30 anos e nunca se fixo unha reparación importante na cuberta. Debido a iso trátase dunha obra importante e moi necesaria na que se executará un cambio total da cuberta. Polo tanto é una obra de mantemento moi necesaria, que se realiza co obxectivo de mellorar as condicións de uso, así como de garantir unha maior protección dos espazos interiores”.

Reparación da cuberta

O polideportivo de Bertamiráns presenta algunha deficiencias provocadas polo paso do tempo, tales como humidades ou filtracións de auga, que dificultan o uso das instalacións en épocas de chuvia. Para solucionar estes danos, vaise rehabilitar de xeito integral o sistema de cubrición do edificio, renovando toda a envolvente metálica que conforma a cuberta e parte das fachadas, e substituíndoa por unha nova de panel metálico.

Así, este novo sistema de cuberta estará formado por un panel nervado de aceiro galvanizado e prelacado en poliéster polas dúas caras, de 0,5 milímetros de espesor polo exterior e de 0,4 milímetros polo interior, e con illamento de poliuretano de 30 milímetros de espesor. Este sistema irá acompañado da colocación de tapaxuntas de aceiro e doutros elementos de fixación.

Do mesmo xeito, en cuberta instalaranse tamén paneis translúcidos de policarbonato polivalente alveolar de 30 milímetros de espesor e con protección UV polo exterior. Estes paneis acompañaranse tamén de tapaxuntas e grampas de suxeición.

Por outra banda, na fachada colocaranse paneis de chapa simple de 0,6 milímetros de espesor, de aceiro galvanizado e prelacado con acabado de resina en poliéster siliconado polo exterior, previa instalación dunha estrutura auxiliar realizada en omega de 30 milímetros. Tamén se procederá á execución de remates e dos elementos de fixación necesarios.

Sistema de evacuación de augas pluviais

Para a evacuación das augas pluviais procederase á colocación dun caleiro de 0,6 milímetros de espesor de aceiro galvanizado e prelacado con acabado en resina de poliéster siliconado e colocado sobre soportes. Así mesmo, instalaranse baixantes de PVC de 125 milímetros de diámetro cos seus correspondentes elementos de fixación e abrazadeiras galvanizadas.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%