Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today8 mayo, 2025
O Concello de Ames presentou esta mañá a segunda edición do seu ciclo de monólogos, unha iniciativa que naceu o pasado 2024 e que contou cunha moi boa acollida entre a veciñanza amesá, cunha asistencia total de 853 persoas
Desta volta, as actuacións celebraranse do 22 ao 25 de maio, entre Bertamiráns e o Milladoiro, e contarase con recoñecidas figuras como Marta Doviro, Evaristo Calvo, Federico Pérez ou Soledad Felloza, que estarán acompañados de artistas emerxentes como José Blanco, Kari Carbone, Cata Ukelele e Matías Cubila
O concelleiro de Cultura e alcalde de Ames, Blas García destacou que “este ano conseguimos a paridade nos participantes, habendo o mesmo número de homes que de mulleres neste cartel. Ademais, no espectáculo do domingo imos contar cunha intérprete en lingua de signos e por último, con esta iniciativa tamén conseguimos darlle espazo e oportunidade aos novos talentos que están a comezar nesta disciplina”
Ames, 8 de maio de 2025.- A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación da segunda edición do ciclo de monólogos do Concello de Ames, que se celebrará entre os vindeiros días do 22 ao 25 de maio. Este ano contarase coa participación de figuras recoñecidas como Marta Doviro, Evaristo Calvo, Federico Pérez ou Soledad Felloza que, ademais, estarán acompañadas de artistas emerxentes como José Blanco, Kari Carbone, Cata Ukelele e Matías Cubilla. Os espectáculos desenvolveranse tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. As entradas xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.
Tras a boa acollida da súa primeira edición, á que asistiron 853 persoas, o Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, organiza o II Ciclo de Monólogos, unha iniciativa que mestura figuras consolidadas no noso país dentro do ámbito humorístico xunto con artistas emerxentes.
Ao acto asistiron o concelleiro de cultura e alcalde de Ames, Blas García; a técnica do departamento, María Vázquez; o director artístico do evento, Quico Cadaval; e cinco dos oito monologuistas que participarán no ciclo, José Blanco; Soledad Felloza; Evaristo Calvo; Federico Pérez e Marta Doviro.
O primeiro en intervir foi o director artístico do ciclo de monólogos, Quico Cadaval, que subliñou a boa acollida entre a veciñanza da primeira edición do ciclo, “o ano pasado a resposta foi moi boa, con ambos auditorios cheos en todas as sesións, o que foi unha demostración tanto do interese que despertou esta proposta artística tanto como da calidade dos espectáculos que se levaron a cabo”.
Pola súa banda, José Blanco, foi o primeiro dos artistas en intervir, subliñando que “seguramente sexa o menos experimentado de todo o cartel e é todo un orgullo de compartir escenario con figuras tan recoñecidas na escena galega”.
Continuou Soledad Felloza que, pola súa parte, ademais de tirar de boa retranca, destacou que “estou encantada de poder participar neste ciclo e agradezo moito o convite para poder participar nun cartel de tan alto nivel”.
Na súa quenda, Evaristo Calvo, salientou que “espero que todo o público o pase moi ben, ademais vai ser a primeira vez que actúe en monólogo compartindo escenario, neste caso con Kari Carbone, o que para min é un absoluto misterio e espero que nos deamos inspiración mutuamente, algo esencial neste eido artístico”.
Polo seu lado, Federico Pérez, resaltou tamén a calidade do cartel deste ciclo de monólogos e tamén “é un pracer poder actuar neste escenario e agradézolle ao concello por contar comigo para participar neste ciclo”.
A última das artistas en intervir foi Marta Doviro, subliñando que “é toda unha honra participar neste ciclo e teño a sorte de repetir e volver a actuar en Ames, xa que o ano pasado estiven no Milladoiro coas rumorosas, daquela con teatro”.
Pola súa banda, o concelleiro de cultura e alcalde de Ames, Blas García, destacou varios aspectos do ciclo, “por unha parte, este ano conseguimos a paridade nos participantes, habendo o mesmo número de homes que de mulleres neste cartel. Ademais, no espectáculo do domingo imos contar cunha intérprete en lingua de signos para facilitarlle á asistencia ás persoas xordas que desexen participar no monólogo. Por último, tamén consideramos importante, e é unha parte fundamental desta iniciativa, darlle espazo e oportunidade aos novos talentos que están comezando nesta disciplina artística”.
Catro sesións de monólogos en Bertamiráns e Milladoiro
Nesta segunda edición do ciclo de monólogos de Ames participarán un total de oito monologuistas que, dende logo, traerán unha boa dose de gargalladas e humor para o público amesán ao longo destas catro xornadas.
A primeira sesión terá lugar o xoves 22 de maio, en Bertamiráns, ás 21.00 horas, da man de Marta Doviro e José Blanco. Pola súa banda, no seu espectáculo “Unha rapasa da Costa da Morte”, Marta Doviro ten como eixo central ese territorio de Galicia, onde a comunicadora e cómica viviu gran parte da súa infancia. Por outro lado, José Blanco é desa nova xeración de cómicos que ofrece un show cheo de humor xenuíno, cunha concepción artistocrática do humor.
En canto á segunda xornada, desenvolverase o venres 23 en Milladoiro, tamén ás 21.00 horas, con Evaristo Calvo e Kari Carbone. Desta volta, Evaristo Calvo, cunha longa traxectoria sobre os escenarios e na televisión, ofrece unha proposta cómica que non deixará a ningún espectador indiferente. Pola súa banda, Kari Carbone, a pesar levar moi pouco tempo na escena, conta cunha improvisación e espectáculo cheo de forza.
Na terceira xornada, o sábado 24, o auditorio de Bertamiráns acollerá a partir das 21.00 horas os espectáculos de Federico Pérez, unha das caras máis recoñecidas da televisión e escena teatral galega, e Cata Ukelele, cómica de stand up viguesa que ofrece un humor fresco e dinámico ao longo do seu espectáculo.
En canto á derradeira sesión do ciclo de monólogos, que se desenvolverá o domingo 25, ás 20.00 horas, no Milladoiro, terá coma protagonistas a Soledad Felloza e Matías Cubilla. Pola súa banda, Soledad Felloza é unha artista con trinta anos de experiencia como actriz, narradora oral e monologuista que percorreu escenarios de diferentes países. En canto a Matías Cubilla, é un artista que adoita ter un contacto directo co público, mais non se limita a experimentar novas formas de facer humor. Cómpre destacar que este último espectáculo contará cunha adaptación en linguaxe de signos.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)