Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today2 julio, 2026
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, anunciou este xoves a través dun vídeo publicado nas súas redes sociais que se presentará ás primarias do Partido Socialista para optar á candidatura á Alcaldía de Santiago nas eleccións municipais de 2027.
«Ola, Santiago. Quero anunciarvos que me presento ás primarias do Partido Socialista para ser alcalde de Santiago», afirma ao comezo da gravación, na que explica que dá este paso tras unha vida vencellada á cidade. «Con 14 anos cheguei a esta cidade e aquí fixen a miña vida. Medrei ao tempo que medraba a cidade», sinala. Ao longo da súa intervención lembra a Compostela que coñeceu, «un Santiago culto e vital, universitario e espiritual», así como «o Santiago do mellor urbanismo», que define como «unha Compostela emerxente que era exemplo a seguir por outras cidades». Fronte a esa etapa, asegura que «hoxe os tempos son outros», porque «a cidade perdeu folgos e vai a ralentí» e «ninguén sabe cara a onde».
No vídeo, Blanco sostén que «somos unha gran maioría os que queremos outra cidade» e debuxa o modelo de Santiago que defende: «unha cidade con servizos públicos que funcionen», «que escoite e dea resposta aos problemas da xente», comprometida coa vivenda pública e o benestar social, que afronte «con valentía a súa renovación urbana», devolva «o protagonismo aos barrios» e sexa «innovadora, comprometida co seu comercio» e capaz de impulsar «o tecido empresarial». «Por todo isto, dou este paso, para impulsar a forza do socialismo compostelán e para que Santiago volva ser unha cidade que lidere», afirma.
Na parte final da súa mensaxe, Pedro Blanco asegura que Santiago precisa «enerxías renovadas, con vontade de progresar e convencida do protagonismo que merecemos» e sostén que a cidade «non precisa nin divisións nin experimentos», senón «pasar páxina». Nese contexto, explica que se presenta «para devolver a ilusión aos socialistas e tamén para ilusionar a Santiago», co obxectivo de liderar o proxecto como alcalde.
O candidato asegura que está «con ganas e ilusión» e «preparado» para liderar este proxecto. Ademais, avanza que nos próximos días iniciará unha conversa coa militancia e coa veciñanza para «explicar, escoitar e construír un proxecto de cidade que todos queremos».
Escrito por Líder Redacción
Candidato Pedro Blanco Elecciones municipales 2027 Pedro Blanco santiago Socialistas Santiago



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)