Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today30 noviembre, 2023
30/11/2023.- O Pleno municipal, na súa sesión ordinaria de novembro, acordou de maneira unánime á aprobación inicial da modificación puntual do PXOM e do PE-1 que suprime o aproveitamento lucrativo previsto na parcela privada de 8.012 m2 situada no perímetro da Finca do Espiño «co obxectivo de preservar a calidade ambiental e paisaxística desta área», segundo indicou o concelleiro Iago Lestegás. A Corporación tamén aprobou por unanimidade dúas declaracións institucionais, a primeira para apoiar a equiparación real e efectiva das persoas menores en acollemento familiar á condición de fillo/a así como o recoñecemento de familias de especial protección ás familias acolledoras, e unha segunda adheríndose á iniciativa Xabarín que demanda unha maior presenza de contidos infantís en galego nos medios.
Esta aprobación inicial por unanimidade permite iniciar o procedemento para realizar a modificación puntual do PXOM e do PE-1 que eliminaría a edificabilidade e os usos privados nesta parcela, previstos no planeamento aprobado en 2004. Na súa intervención, o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, destacou que a Finca do Espiño «é un miradoiro excelente sobre a fachada oeste da cidade histórica, que constitúe o perfil máis característico e recoñecible de Compostela» que ademais conta cunha «contorna ambiental de gran valor, atravesada polo río Sarela e enmarcada polo monte Pedroso» e «perfectamente visible» desde a Alameda, polo que esta actuación se fai sobre este ámbito «co obxectivo de preservar os seus valores ambientais e paisaxísticos».
Segundo indicou o concelleiro, o planeamento vixente distingue dúas zonas no ámbito suxeito a esta modificación puntual: unha zona cualificada como dotación pública, que inclúe os parques urbanos PU-14.1.b e PU-FE e mais o equipamento SC-FE; e unha zona edificable de titularidade privada, a parcela EM-FE, de 8.012 m2, disposta no perímetro do ámbito, con aproveitamento lucrativo, na que permite edificar un volume de 10.500 m2 construídos susceptible de albergar distintos usos de carácter privado: asistencial, sociocultural, sanitario, hoteleiro e residencial comunitario.
A ordenación vixente foi aprobada en 2004 como trasposición ao planeamento urbanístico dun anteproxecto asinado por Jean Nouvel hai máis de dúas décadas que non chegou a materializarse. Esta ordenación, incorporada ao PXOM a través da sús disposición transitoria cuarta, é hoxe dificilmente asumible, «pois alteraría notablemente a paisaxe e a mobilidade nun espazo de gran valor e fraxilidade ambiental», destacou o concelleiro. Ademais, o «relevo do terreo fai que a implantación das edificacións previstas implique necesariamente realizar movementos de terra significativos e encaixalas contra un muro de contención dos terreos con difícil integración paisaxística».
«A rede viaria existente, por outra banda, tamén condiciona a correcta materialización da ordenación prevista no planeamento que se pretende modificar, xa que o tráfico rodado tería que atravesar necesariamente a ponte do Carme de Abaixo ou a ponte de Santa Isabel, ambas as dúas de escasa capacidade para un intenso tránsito de vehículos polo seu ancho limitado», engadiu Iago Lestegás. Tamén a ordenación vixente representa problemas de accesibilidade por mor das fortes pendentes lonxitudinais e transversais do ámbito.
De acordo coa nova ordenación proposta, ao solo cualificado como PU-FE aplicaráselle a ordenanza do sistema de parques, xardíns urbanos e espazos libres do PXOM (artigo 137). Ao solo cualificado como SC-FE, que inclúe o palacete e os xardíns vinculados a el, cuxo uso previsto é sociocultural compatible con calquera outro dotacional público que o Concello considere de interese, aplicaráselle a ordenanza de equipamentos públicos do PXOM (artigo 136).
Declaración institucional
O Pleno municipal aprobou esta máña de xeito unánime unha declaración institucional para apoiar a equiparación real e efectivamente das persoas menores en acollemento familiar á condición de «fillo/a» e o recoñecemento de familias de especial protección ás familias acolledoras.
O acollemento familiar é un recurso social que proporciona unha familia alternativa á de orixe a aqueles nenos e nenas ou adolescentes que, por diversas razóns, non poden convivir coa súa, evitando a institucionalización de crianzas e adolescentes cuxos pais, por circunstancias persoais ou sociais, non poden facerse cargo deles e pasan a ser tutelados pola Administración por un período de tempo temporal ou permanente.
Con este acordo, o Concello de Santiago comprométese a actualizar a normativa municipal para «establecer expresamente a equiparación real e efectivamente, para todos os efectos administrativos, a menores en acollemento en calquera das súas modalidades —temporal, permanente ou preadopción ou de urxencia— á condición de fill@ durante o tempo que o/a menor se atope baixo acollemento familiar»; a incorporar o ítem de ‘familia acolledora ou crianza en acollida’ nos impresos en todas as áreas da xestión do Goberno local; a considerar as familias acolledoras de especial protección así como outro tipo de familias que teñan tamén esta consideración con medidas de discriminación positiva; a valorar a posibilidade de facer unha formación básica para o persoal municipal en materia de Medidas de Protección de menores, especialmente sobre acollemento familiar; así como a elaborar un Rexistro Municipal de Familias Acolledoras.
Declaración institucional sobre a Iniciativa Xabarín
O Pleno municipal tamén apoiou de xeito unánime unha declaración institucional para o cumprimento da Iniciativa Xabarín na que se reclama o incremento de contidos infantís e xuvenís en galego nas televisións públicas. Impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística, a iniciativa Xabarín foi aprobada por unanimidade no Parlamento Galego en 2021, co apoio de máis de 33.000 sinaturas. Neste texto, solicítase á CRTVG o incremento da oferta en galego destinada á infancia nas canles dixitais, plataformas e aplicacións. Esta iniciativa tamén solicita aos gobernos estatal e rexional a promover as medidas precisas para garantir a opción dobrada e lexendada a galego en todas as plataformas dixitais de televisión, entre outras demandas.
Coa aprobación desta declaración, o Concello de Santiago insta «a todas as Administracións públicas, entes e entidades a que cumpran os acordos da iniciativa Xabarín» e tamén insta aos «operadores distribuidores de contidos audiovisuais para que se sumen a difusión de contidos en galego desta iniciativa para a infancia e a mocidade». A Corporación municipal comprométese tamén «a ser un referente na defensa do galego na infancia a través de todos os mecanismos e entidades municipais».
Outros asuntos
Na sesión extraordinaria de hoxe tamén se acordou a aprobación definitiva da modificación puntual (MP) do Plan parcial do SUNP-7 (O Avío).
A Corporación tamén aprobou por unanimidade, unha proposición do PP a elaboración dunha axenda deportiva de divulgación de todas as actividades do deporte que se celebren en Santiago e unas proposición presentada polo PSdeG-PSOE relativa á creación dunha bolsa de aparcamento en superficie en Xoán XXIII.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)