AD

Actualidad

Arzúa consolídase como destino turístico estratéxico en Galicia

today14 septiembre, 2025

Fondo
share close
AD
  • A concelleira Begoña Balado destaca en Radio Líder Santiago o potencial gastronómico, cultural e paisaxístico do municipio, que está “de moda” a nivel nacional e internacional

A concelleira de Turismo, Promoción Económica e Acción Urbana do Concello de Arzúa, Begoña Balado, defendeu nunha entrevista en Radio Líder Santiago, realizada por Sara Garea, o bo momento que atravesa o municipio como destino turístico, cultural e gastronómico. Balado asegurou que Arzúa está a vivir “un momento de gran proxección”, grazas á combinación de patrimonio, natureza e gastronomía, e a unha estratexia de promoción que busca desestacionalizar as visitas. “Arzúa é un punto estratéxico do Camiño de Santiago e temos moito que ensinar, máis alá de ser un lugar de paso”, afirmou a concelleira.

Feira quincenal e tradicións locais

A edil destacou a importancia da feira que se celebra os días 8 e 22 de cada mes, que cualificou como “un motor moi importante para a vila” e lembrou que se trata dunha das máis antigas de Galicia. Avanzou que a feira de Arzúa entrará no novo circuito galego de feiras tradicionais impulsado pola Xunta, un recoñecemento que “a situará no lugar que merece”. “Sentímonos orgullosos porque vai ser unha das feiras máis importantes de Galicia, que xa o é, pero agora estará moito máis promocionada”, indicou.

Balado tamén puxo o foco na recuperación da Feira do Capón, que se celebra o 22 de decembro, e que nos últimos anos perdeu peso. “Queremos revitalizar unha tradición moi arraigada que forma parte da nosa identidade”, explicou.

Patrimonio, infraestruturas e novos espazos

No ámbito das infraestruturas, a concelleira agradeceu o apoio da Deputación da Coruña para acometer obras en diferentes parroquias e no casco urbano, destacando a mellora dun vial clave fronte ás instalacións deportivas. Tamén anunciou que nos próximos días comezará a actuación de posta en valor da Fervenza das Hortas, cun miradoiro, zona de descanso e novo mobiliario.

Outro proxecto xa completado foi o parque dedicado a Ana Kiro, do que Balado se mostrou especialmente orgullosa: “Ana Kiro foi un referente, unha muller valente e feminista que levou o nome de Arzúa por todo o mundo. É unha honra que o parque leve o seu nome”.

Turismo, gastronomía e audiovisual

No plano turístico, Arzúa prepara un encontro con axencias e turoperadores estatais para dar a coñecer a súa ampla oferta de aloxamentos: casas rurais, pazos, hoteis, albergues e pensións. O obxectivo, segundo Balado, é “demostrar que Arzúa é un destino atractivo durante todo o ano, non só nos meses de verán”.

Outra das apostas do Concello é a dinamización turística a través de iniciativas como o bus turístico, que percorre enclaves, ata finais de setembro, como a Fervenza das Hortas, o Encoro de Portodemouros ou o Enredo do Abelleiro, acompañados polas explicacións dun técnico de turismo. A concelleira explicou que se trata dunha proposta pensada para que “quen chega a Arzúa teña actividades polas tardes e coñeza máis alá do Camiño”. Xunto a isto, o programa Arzúa Camiña ofrece rutas de sendeirismo guiadas que permiten descubrir a riqueza natural e paisaxística do municipio, promovendo o chamado turismo verde.

A gastronomía é outro dos grandes reclamos. Cinco establecementos do municipio forman parte este ano do Outono Gastronómico da Xunta, un feito que, segundo a concelleira, reflicte o “alto nivel e calidade da nosa oferta hostaleira”.

A edil subliñou ademais a crecente presenza de Arzúa no eido cultural e audiovisual. Netflix gravou parte de «Animal», a última serie de Luis Zahera, en Pantiñobre, mentres National Geographic e a BBC realizaron reportaxes no concello. Ademais, están previstas rodaxes dunha produtora italiana e dun programa de televisión estatal. “Arzúa está de moda. Temos un territorio atractivo para o audiovisual e isto dálle unha proxección internacional moi valiosa”, afirmou.

Turismo internacional e visita da familia real belga

Balado lembrou tamén que Arzúa recibiu hai uns meses a visita da familia real de Bélxica e puxo en valor o perfil cada vez máis diverso e internacional dos visitantes: “Estamos vendo turistas de Canadá, Xapón, Estados Unidos ou Australia, cun nivel económico alto, que volven varias veces e usan Arzúa como base para coñecer Galicia”. A concelleira concluíu asegurando que o reto é consolidar esta tendencia: “Queremos que Arzúa siga de moda e que se converta nun referente turístico, gastronómico e cultural en Galicia e fóra dela”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *