Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Presenta as conclusións do Consello Asesor que incorporará ao seu programa de goberno para reverter o devalo demográfico, económico e social que deixa o PP
Entre as medidas: plan de reactivación industrial e tecnolóxica para xerar 12.000 novos empregos, mobilizar 1.500 M€ dende o sector público, Pacto Galego pola Ciencia e novo modelo enerxético ao servizo dos e das galegas
Santiago de Compostela, 3 xaneiro 2024.- A reactivación económica e do emprego, o impulso de grandes acordos de País en temas estratéxicos e a ampliación do autogoberno para contar coas ferramentas políticas necesarias para mellorar a vida da xente son os tres piares sobre os que o BNG quere liderar “un cambio transformador” e abrir un “novo ciclo histórico” a partir das eleccións do 18F.
Así o explicou Olalla Rodil que xunto a Luís Bará, ámbolos dous coordinadores do programa electoral, presidiu a última reunión do Consello Asesor na que se presentaron as conclusións deste comité de expertos e expertas que serán incorporadas ao programa de goberno co que o Bloque concorrerá ás eleccións galegas.
Conclusións que arrancan coa constatación dunha Galiza inmersa nunha “preocupante dinámica que a empequenece” logo de 14 anos de Goberno do PP, coa perda de poboación, especialmente entre a xente nova; de músculo económico e industrial, coa destrución de 51.200 empregos na industria, mar e agro e 22.500 persoas autónomas e 4.127 empresas menos que en 2009; co incremento dos desequilibrios territoriais e co deterioro das condicións laborais e dos servizos públicos que aumentan as desigualdades sociais nun País que ten máis de 600.000 persoas en risco de pobreza ou exclusión social.
Pese á diagnose de partida que evidencian os datos, Rodil afirmou que Galiza conta con “potencial, recursos, capacidade e talento” para reverter a situación. “Hai alternativa a este devalo demográfico, económico e social se tomamos as decisións adecuadas e, para iso, precisamos un cambio político real o próximo 18 de febreiro”, indicou.
Nesta liña e logo de apelar ao conxunto da sociedade para non caer na resignación porque é posible “construír un futuro mellor para as galegas e os galegos de hoxe e tamén paras próximas xeracións a partir do 18F”, Rodil afondou na segunda das conclusións do Consello Asesor, os piares sobre os que basear ese cambio transformador e que pasan, en primeiro termo, por impulsar grandes acordos de País en temas estratéxicos, en diálogo con todas as institucións e cos axentes económicos e sociais, “cos que enfrontar os retos que Galiza ten por diante no económico, no social, no ambiental e no territorial”.
A isto sumou a afirmación e ampliación do autogoberno “que permita ás galegas e galegos contar coas ferramentas políticas que necesitamos para mellorar as condicións de vida da xente que vivimos e traballamos en Galiza” e a reactivación económica e do emprego, ámbito no que se centrou especialmente o traballo do Consello Asesor.
Reactivación económica que, segundo explicou, pasa por poñer en marcha toda a capacidade e todo o potencial que ten Galiza ao servizo do País, impulsando a transformación tecnolóxica e industrial, o desenvolvemento dos sectores económicos estratéxicos e o peche das cadeas de valor, o aproveitamento racional dos recursos naturais, a mobilización produtiva do aforro galego, o impulso da ciencia, da innovación e da dixitalización como motores de transformación; e o papel do sector público como garante da cohesión social, do investimento produtivo e dun desenvolvemento territorial integrador.
Entre as propostas do Consello Asesor, Rodil destacou algunhas medidas concretas, como o papel do sector público como elemento tractor e dinamizador da economía. Neste sentido, apuntou a instrumentos como o Instituto Galego de Crédito e Investimento ou á posta en marcha dun Plan de Investimentos Estratéxicos e Transformadores que mobilice 1.500 M€ no período 2024-2028, ou ao desenvolvemento dunha Estratexia de compra pública responsable que sirva para apoiar o tecido produtivo de base territorial.
En segundo termo, sinalou a posta en marcha dun Plan de Fomento da Actividade Tecnolóxica e Industrial para incrementar en 7 puntos o peso da industria no PIB e xerar 12.000 empregos en sectores estratéxicos (tradicionais e emerxentes) da industrial galega ata 2030 e tamén a través de plans estratéxicos de impulso de sectores de grande potencial de crecemento.
Impulso ao medio rural e costeiro e á produción de alimentos
O impulso ao medio rural e costeiro e á produción de alimentos para avanzar cara á soberanía alimentaria, con medidas específicas como a mobilización de 100.000 hectáreas de superficie agraria útil, e un Pacto Galego pola Ciencia co obxectivo de alcanzar un investimento do 3% do PIB en 2030 para que a I+D+i sexa motor e panca de desenvolvemento económico, social e cultural, son outras das dúas medidas que o BNG incorporará ao seu programa de goberno.
A isto sumou a creación dun Consorcio para as Infraestruturas e as Competencias Dixitais que, coa participación de Xunta, Administracións Locais e universidades, dea un gran pulo á transformación dixital das administracións, do ensino e das empresas cunha “dixitalización inclusiva” que non deixe a ninguén atrás.
A posta en marcha dun novo modelo enerxético respectuoso co medio e ao servizo dos galegos e das galegas, foi outra das iniciativas destacadas por Rodil, con medidas como a creación dunha empresa pública de enerxía e unha tarifa eléctrica galega, como xa acontece noutros países da nosa contorna, “que permita á xente deste País beneficiarse da riqueza que xeran os nosos recursos”.
Por último, Rodil salientou a necesidade de poñer as persoas no centro das políticas, garantindo condicións de vida e de traballo dignas ao longo de todo o ciclo vital. Con este obxectivo, defendeu, por unha banda, a xeración de postos de traballo con dereitos, en condicións estables e con salarios dignos ou co impulso da redución da xornada laboral ata as 35 horas sen redución salarial, favorecendo así a conciliación e o benestar das persoas traballadoras.
E, por outra, o despregamento dun novo modelo de coidados dende o ámbito público, de proximidade e cun enfoque de prevención, rehabilitador e que acompañe ás persoas ao longo de toda a súa traxectoria, dotándoas dos apoios necesarios a medida que os vaian precisando.
En definitiva, “propostas ambiciosas, pero realistas” que o BNG incluirá no seu programa de goberno “convencidas de que as galegas e galegos temos todo por gañar”, concluíu Rodil.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)