Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 septiembre, 2026
A Obra Social Pediatría prepara unha nova xornada de solidariedade en Santiago de Compostela coa celebración do seu III Cóctel Solidario, unha cita concibida para recadar fondos, dar a coñecer o traballo desenvolvido durante todo o ano e agradecer o apoio das persoas e entidades que colaboran cos seus proxectos. A responsable de eventos e actividades da organización, Maite Autrán, explicou en Radio Líder Santiago os detalles dunha iniciativa que ten como principal finalidade mellorar a estancia hospitalaria dos nenos e das súas familias.
Autrán resumiu durante a entrevista a razón de ser da entidade: “Somos unha organización sen ánimo de lucro, estamos no hospital, pertencemos ao Servizo de Pediatría e o que intentamos é mellorar a vida dos nenos que pasan longas estadías no hospital, especialmente os enfermos crónicos”. Un traballo que se traduce na humanización dos espazos pediátricos, na organización de actividades e na posta en marcha de proxectos que responden tamén ás necesidades trasladadas polas propias familias.
O obxectivo último, explicou, é facer máis levadía unha situación especialmente delicada para os menores. “Intentamos que leven un mellor recordo do hospital e que a súa estancia sexa o máis agradable posible”, sinalou Autrán, reivindicando unha intervención que vai máis alá da propia atención sanitaria e busca introducir momentos de ilusión, distracción e normalidade dentro do hospital.
O Cóctel Solidario constitúe precisamente unha das principais ferramentas para garantir a continuidade dese labor. “É un cóctel solidario para recadar fondos, porque todas as actividades que facemos se financian a través das doazóns”, explicou. A responsable da organización lembrou que existen achegas económicas e tamén doazóns de material, fundamentais para soster proxectos xa consolidados e poder desenvolver outros novos. A celebración servirá, ademais, para facer balance: “Tamén é unha festa para celebrar todo o que fixemos, contar as novidades e presentar proxectos que van empezar”.
Entre as iniciativas que necesitan continuar medrando figura o Carriño dos Sorrisos, un servizo de apoio psicolóxico que actualmente percorre dúas veces por semana as habitacións e a UCI Pediátrica para acompañar tanto os pequenos como as súas familias. Autrán recoñeceu que a intención é aumentar a súa presenza: “Gustaríanos amplialo porque vemos que é moi necesario. O ideal sería que puidese estar todos os días; dúas veces á semana quédasenos curto”.

Ligado a esta iniciativa está tamén o denominado “ReceitArte”, mediante o que se intenta facer realidade, sempre que sexa posible, algún dos desexos dos menores hospitalizados. Desde peticións sinxelas ata visitas especiais ou mesmo, en casos de ingresos prolongados, poder reencontrarse coa súa mascota. A entidade tamén procura que datas especialmente significativas non pasen inadvertidas. “Cando os nenos están de aniversario tamén se fai, estean na UCI ou ingresados en planta”, explicou.
Outro dos programas que está obtendo unha boa resposta é a horta terapéutica, na que participan os propios pacientes. “Funciona superbén”, destacou Autrán. Os nenos colaboran no coidado e cambio das plantas acompañados por persoal e entidades colaboradoras, nunha actividade que, segundo explicou, resulta útil tanto para os máis pequenos como para rapaces de maior idade.
A programación habitual complétase con iniciativas como as sesións de cine, exercicio físico, actividades musicais e outras propostas que van incorporándose ao calendario. Autrán lembrou tamén os coches eléctricos que permiten trasladar aos menores dentro do hospital dunha maneira diferente e máis amable. “Todo isto necesita un soporte, unha axuda para poder seguir levándoo a cabo e ampliando o horizonte”, incidiu.
O III Cóctel Solidario desenvolverase na Fundación Laboral da Construción, na zona de Pontepedriña, nunha xornada que comezará ás 12.00 horas e que se prolongará aproximadamente ata as sete da tarde. A intención da organización é aproveitar o patio exterior do recinto se as condicións meteorolóxicas o permiten.
E, malia conservar a denominación de cóctel, Autrán deixou claro que a proposta vai bastante máis alá: “É máis que un cóctel, é unha festa para que se divirtan tanto os maiores como os nenos. Hai cóctel, espectáculos, sorpresas, sorteos e agasallos”.
A programación contará con animación e espectáculos para públicos de todas as idades. Na entrevista avanzouse a presenza de Biosbardos, do Mago Charly e do mago Iván Padín, ademais de actuacións de baile, música, humor e diferentes propostas destinadas aos máis pequenos. Haberá tamén un particular “hospital” para os peluches que leven os nenos, así como actividades vinculadas cun laboratorio coa colaboración de profesionais e investigadores.
Durante a celebración entregarase igualmente o Premio Sorriso, un recoñecemento destinado a persoas que colaboran especialmente coa filosofía da entidade e coa súa vontade de facer máis agradable a hospitalización infantil. A festa permitirá, ao mesmo tempo, reunir profesionais, colaboradores e familias que coñecen de primeira man o traballo realizado ao longo do ano.
As entradas teñen un prezo de 30 euros para maiores de 14 anos e de 15 euros para menores de entre 6 e 13 anos, mentres que os nenos de ata cinco anos poden acceder de balde. A organización habilitou un formulario accesible mediante código QR, difundido tamén a través das súas redes sociais, con opcións de pagamento mediante Bizum ou transferencia.
Para a Obra Social Pediatría, con todo, o encontro ten un valor que transcende a propia recadación. “Significa moito para nós, para o día a día e para contar o que facemos”, afirmou Autrán. É tamén, engadiu, unha oportunidade para “celebrar cos compañeiros e cos colaboradores e agradecer” a implicación de todas as persoas que, dunha maneira ou doutra, contribúen a manter vivos estes proxectos.
Especialmente presentes están tamén as familias que pasaron pola experiencia dun ingreso hospitalario e que, unha vez recibida a alta, continúan colaborando coa organización. “É moi importante celebrar, recadar, pero tamén agradecer”, subliñou.
Detrás das actividades, das festas, da música ou dos xogos existe unha idea que atravesou toda a entrevista: conseguir que un menor poida esquecer, aínda que só sexa durante un tempo, a situación que está vivindo. Autrán recoñeceu que non todos os días resulta posible: “Sendo moi franca, o sorriso conséguese case sempre, pero pode haber un día no que non o logres porque o neno ten dor ou ten un mal día. Pero ao día seguinte volves intentalo”.
Unha filosofía que a responsable da Obra Social Pediatría condensou ao despedirse dos micrófonos de Radio Líder Santiago cunha frase que resume tamén o espírito do terceiro Cóctel Solidario: “Grazas por axudarnos a debuxar sorrisos”.
Escrito por Líder Redacción
chus coctel solidario obras social pediatria Santiago de Compostela


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)