Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today4 febrero, 2024
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, propón a creación en Santiago de vivendas colaborativas para persoas maiores, un modelo que nace nos países nórdicos. Uns inmobles que facilitarían un modelo de vida en comunidade, onde se fomente o apoio mutuo entre persoas que deciden vivir xuntas e que poidan contar con servicios asistenciais compartidos.
“Esta é unha auténtica alternativa ao modelo tradicional residencial de persoas maiores, que colocaría a Santiago na vangarda, tamén, en solucións innovadoras de políticas sociais”, subliñou Verea.
O popular remarca que “as vivendas colaborativas permiten un estilo de vida que preserva a intimidade, permite o control sobre a propia existencia e profundiza no dereito das persoas a elixir como vivir”.
“Con este modelo residencial, explica Borja Verea, as persoas vivirían nas súas propias vivendas, pero con servizos comúns que cubrirían as súas necesidades, polo que os residentes serían partícipes activos do seu propio proceso de envellecemento e, sobre todo, limitaría e suavizaría moito as situación de illamento social que sofre parte deste colectivo”.
O líder popular remarca que, ao mesmo tempo, “supón unha rede de apoio e de seguridade para todas estas persoas que alí vivan, é dicir, convértese nunha mestura entre privacidade e convivencia. Con estes equipamentos, integrados nese novo modelo de coidados, apostaríase por servizos de proximidade e potenciaríase o dereito a escoller libremente como e onde envellecer”, agregou.
Como explicou Verea, as iniciativas sociais son un dos eixes das políticas do Partido Popular de Santiago, xa no Pleno do mes de xaneiro defendemos unha Estratexia contra a Soidade non desexada, posto que en Compostela temos milleiros de persoas maiores de 65 anos vivindo soas, moitas por propia vontadade e outras incluídas na definición de soidade non desexada.
“É evidente que na nosa cidade temos un problema á vista de todos e o Concello ten que liderar a solución, por iso, nós propoñemos unha medida, como son as vivendas colaborativas para as persoas maiores, que pode converter Santiago nun exemplo para outras vilas nesta materia”, concluíu o popular.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)