AD

Actualidad

Verea esixe responsabilidades ao Goberno pola xestión de Fly2Galicia: “Puxeron en xogo o prestixio de Santiago”

today24 septiembre, 2026

Fondo
share close
AD

• O líder do PP en Santiago critica a falta de autocrítica do Goberno municipal e pregunta á alcaldesa se avala a actuación da concelleira de Turismo ou se haberá consecuencias políticas

O líder do PP en Santiago, Borja Verea, reclamou hoxe no Pleno municipal explicacións e responsabilidades políticas ao Goberno de Santiago pola súa actuación arredor do proxecto Fly2Galicia e polo respaldo institucional prestado a unha iniciativa que acabou xerando unha importante polémica.

Verea dirixiuse directamente á alcaldesa para preguntarlle se avala a actuación da concelleira de Turismo durante todo este proceso e se considera que “todo se fixo ben”. “Se foi así, asuma vostede esta crise reputacional. E, se se fixeron as cousas mal, terá que explicar cales son as consecuencias e quen vai asumir responsabilidades políticas”, reclamou.

O líder popular cuestionou especialmente as diferentes versións ofrecidas polo Goberno municipal. Lembrou que o 16 de agosto a concelleira de Turismo afirmaba que levaban “meses axudando a que o proxecto saia adiante”, mentres que, poucos días despois, o Goberno cualificaba aqueles contactos como reunións habituais e a propia alcaldesa aseguraba que non existira colaboración nin compromiso económico por parte do Concello. “As tres cousas ao mesmo tempo son difíciles de explicar”, advertiu Verea, que reclamou saber “a que estiveron axudando durante meses” e que comprobacións realizou o Concello antes de prestar o seu respaldo institucional ao proxecto.

Verea insistiu en que “un Concello non é unha empresa de publicidade” e que apoiar publicamente unha iniciativa implica poñer ao seu servizo “algo que ten moito valor: a credibilidade institucional de Santiago”.

Neste sentido, cuestionou a precipitación do Goberno á hora de celebrar o anuncio das oito conexións aéreas e presentalo como un éxito, para posteriormente desvincularse do proxecto cando comezaron a coñecerse os problemas. “Reunirse cunha empresa é absolutamente normal. O que require responsabilidade é convertela nun éxito do Goberno antes de saber exactamente que hai detrás”, afirmou.

Tras escoitar as explicacións ofrecidas no Pleno pola concelleira de Turismo, Verea lamentou a “cero autocrítica” do Goberno e considerou que a responsable municipal “non fixo ben o seu traballo de xestión e fixo moi mal o seu traballo de explicación pública, no ton e no fondo”.
O líder popular criticou tamén que o Goberno tratase de trasladar responsabilidades a outros grupos políticos. “Que culpa temos nós de que vostedes sexan o exército de Pancho Villa?”, preguntou, antes de atribuír o sucedido á “falta de coordinación, falta de xestión e á obsesión por apuntarse éxitos alleos”.

Verea incidiu tamén nas comprobacións realizadas antes de apoiar publicamente a iniciativa e lembrou que Fly2Galicia era a marca comercial dun operador turístico constituído este mesmo ano, cun capital social dun euro, que anunciaba oito conexións desde Lavacolla operadas por outra compañía. “Non facía falta unha auditoría. Facía falta un pouco de traballo e un pouco de sentido común”, afirmou.

Neste punto, Verea abriu ademais unha cuestión sobre a política de comunicación do Goberno arredor das conexións aéreas: “Se vostedes din agora que non tiñan nada que ver con estas conexións, ¿que ocorre co resto das que presentan como mérito propio? ¿Tiveron que ver coa de Nova York e coas demais que están anunciando ou estamos replicando o mesmo modelo?”.

O líder do PP concluíu volvendo dirixirse á alcaldesa para reclamar unha resposta concreta sobre as consecuencias políticas do sucedido. “Seguimos esperando saber quen vai asumir a responsabilidade política de ter metido o prestixio desta cidade neste lío. Vai asumila vostede? Vai asumila a súa concelleira? Vai asumila alguén do seu equipo? Ou non vai asumir ninguén responsabilidades?”, concluíu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *