AD

Actualidad

Bota a andar en Santiago a oitava edición do festival herDanza

today2 septiembre, 2024

Background
share close
AD

02/09/2024 Do 2 ao 7 de setembro, o Festival de danza contemporánea en espazos herdados de Compostela -herDanza programa un amplo abano de actividades para gozar das artes do movemento en escenarios singulares da cidade. Organizado por Can Cun Quinqué, o festival conta co apoio do Concello de Santiago e de entidades como o Museo do Pobo Galego, o CGAC ou o Instituto Francés.

Conxugar a dinamización e promoción da danza contemporánea coa aposta polos traballos de creadoras e creadores e galegos e co goce do patrimonio arquitectónico da cidade é o obxectivo do festival herDanza, que en 2024 chega á súa oitava edición. Do 2 ao 7 de setembro o festival programa en Compostela espectáculos de danza de pequeno e mediano formato, unha residencia creativa, proxeccións de pezas audiovisuais arredor desta arte, obradoiros formativos e outras actividades que se desenvolverán nas prazas de San Martiño Pinario, Mazarelos e a Inmaculada, na Casa das Máquinas, no Auditorio de Galicia, o Centro Xove da Almáciga, a igrexa das Ánimas o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o Museo do Pobo Galego.

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentou esta mañá a oitava edición do herDanza nunha rolda de prensa que tamén contou coas intervencións do director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar, do director do CGAC, Santiago Olmo, e do equipo directivo do festival, Isabel Sánchez e Leodan Rodríguez.
Míriam Louzao destacou o compromiso do herDanza con servir de «fiestra ás creadoras e creadores emerxentes do país e favorecer un espazo de encontro e diálogo con artistas da contorna estatal e internacional» e salientou que a proposta permite á cidadanía » afondar nesta achega ás artes do movemento e tomar contacto con distintas olladas, propostas e perspectivas dende as que sentir a danza».

Agás os obradoiros, todas as actividades son de balde e de acceso libre sen necesidade de reserva. A información detallada de todas elas está dispoñible na páxina web herdanzafestival.org.

Residencia creativa e espectáculos de danza

O festival herDanza principal a súa oitava edición cunha residencia creativa da compañía de danza ASELAS arredor da súa peza Víscera, que se desenvolverá a partir do 2 de setembro no Centro Xove da Almáciga e o Auditorio de Galicia. Creada polas bailarinas Loaira Lázare e Lucía González, Víscera explora a creación conceptual arredor da temática ecofeminista empregando a técnica do flying low e a improvisación, no marco das tendencias experimentais que agromaron na danza contemporánea na última década. A peza funde movemento e interpretación para construír unha narrativa con ton de denuncia e emprega constantes musicais, poéticas, coreográficas e escenográficas que fan referencia ao estómago, ao oco e ao baleiro. Deste xeito, a proposta busca ir desdebuxando os movementos ata completar un proceso de animalización final, unha forma de sacar a carraxe visceral acumulada. O resultado da residencia presentarase ao público na última xornada do festival, o sábado 7 ás 17.30 horas na praza de San Martiño Pinario.

Alén desta peza, o público de Compostela poderá gozar doutros cinco espectáculos. O primeiro deles será L’oiseau Bleu, unha creación da bailarina cubana Lisvet Barcia que se presentará o xoves 5 de setembro ás 17.30 horas no Museo do Pobo Galego. A obra explora a metamorfose dun tipo de dor no seu estado máis profundo de soidade e retrata como, no illamento, a mente humana pode crear seres e paisaxes irreais e utilizalos como mecanismo de supervivencia para transformar a dor nunha experiencia que redefine completamente a existencia, a propia e a maneira como esta é percibida por persoas alleas. Esa mesma tarde, a igrexa das Ánimas dará acubillo ao espectáculo, Al atravesar la rendija, de Paula Morejón e Adrián López. Trátase dunha peza de curta duración e potente fisicalidade que crea paisaxes suxestivas para facer o público parte do acto de comunicación dende o corporal.

A axenda do venres 6 inclúe dous novos espectáculos. O primeiro deles une o Colectivo Globo co Conservatorio Profesional de Danza de Lugo na peza Rito, que poderemos ver ás 17.30 horas na Casa das Máquinas. Esther Latorre asina a coreografía desta obra que reflexiona sobre a natureza humana e sobre a resposta colectiva ante a adversidade. Ás 20.00 horas chegará a quenda de Ay Cariño!, o dúo galego conformado por Cris Vilariño e Diego M. Buceta. Presentarán na praza de Mazarelos WTF! unha explosión de danza de ritmo frenético protagonizada por dúas criaturas doutra galaxia que chegan á Terra nunha fuxida cara adiante sen pausa.

Canda a representación de Víscera, da compañía Aselas ás 17.30 horas na praza de San Martiño Pinario, a axenda do sábado 7 de setembro inclúe o pase de La mona de seda, de María de Vicente. A praza da Inmaculada acollerá ás 20.00 horas esta peza que conta con composición e interpretación musical de Cristian Durán (Duuma) e que nos sitúa ante unha personaxe que busca a súa esencia fronte ao sobreestímulo de informacións e ás imposición sociais, culturais e políticas que lle ditan o que se espera dela.

Obradoiros, proxeccións e outras actividades

A mostra destas creacións arróupase con actividades complementarias que permiten afondar nesta achega ás artes do movemento. Tres obradoiros explorarán a expresión corporal, a improvisación e práctica de diferentes técnicas da danza contemporánea. O primeiro deles, titulado Ritmos da Alma: Afrocontemporáneo e Expresión Corporal, terá lugar o mércores 4 de setembro entre as 10.30 e as 13.30 horas e será conducido por Lisvet Barcia. O xoves 5 á mesma hora desenvolveranse o taller Contact Improvisation da man do director do festival, Leodán Rodríguez, e o venres 6, tamén no mesmo horario, Cris Vilariño e Diego M. Buceta conducirán o WTF! | Obradoiro HerDanza. A inscrición nestes talleres ten un prezo individual de 35 euros (con descontos se a inscrición se fai en máis dun obradoiro) e debe ser realizada a través de mensaxe ao enderezo herdanzafestival@gmail.com. A reserva da praza formalizarase coa realización do pagamento.

Grazas á colaboración co CGAC e o Instituto Francés, o programa da oitava edición do herDanza inclúe a proxección de dous filmes documentais arredor de distintas formas de baile que colleitaron candidaturas aos premios César do cinema francés en 2022 e 2023 e a outros festivais de sona internacional. O martes 3 ás 17.30 horas, o auditorio do CGAC proxectará o filme Indes Galantes, de Philippe Béziat e o mércores 4 chegará a quenda de Allons enfants, dirixido por Thierry Demaizière e Alban Teurlai. A asistencia é de balde até completar capacidade.

Entre as actividades paralelas inclúese aínda o itinerario Aire do outro mundo, que acontecerá o martes 3 de setembro as 20.30 horas. A bailarina e docente Elsa Pereira conduce esta deriva senso-sonora polo Museo do Pobo Galego que busca conectar ás participantes co íntimo e poético que abeira o edificio de San Domingos de Bovanal. O punto de encontro será ás 20.15 horas na porta do Museo e a asistencia é de balde sen necesidade de reserva.

Máis información

Pódese encontrar información detallada sobre a oitava edición do Festival herDanza, así como a actualización dos cambios que se produzan no programa na web herdanzafestival.org.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%