AD

Comarca

Brión aproba un orzamento de 9,25 M€ grazas ao PSOE e ao PP e co voto en contra do BNG

today7 octubre, 2026

Fondo
share close
AD
  • As contas medran un 18,98% respecto a 2024 e reforzan as partidas de servizos sociais, cultura, deporte e educación.

7 de outubro de 2026. O Pleno do Concello de Brión aprobou esta mañá os Orzamentos Municipais para 2026, que ascenden a 9.246.501,20 euros, un 18,98% máis ca en 2024 (7.771.316,63 euros). As contas saíron adiante cos votos nove votos a favor do PSOE e PP, fronte aos tres votos en contra do BNG.

Unha sesión pechada polo alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, quen destacou que “neste Orzamento contémplanse uns ingresos de 242.000 euros como consecuencia do inicio do expediente para a venda das cinco parcelas adquiridas en 2024 para a creación de vivenda protexida e libre no noso municipio”. Cinco fincas adquiridas polo Concello de Brión a través dun crédito extraordinario de 164.560 euros, financiado con cargo ao Remanente Líquido de Tesourería. “Unha medida que, por certo, non contou co apoio do grupo nacionalista”, recordou o alcalde.

Lago Sanmartín destaca que “tendo en conta o problema de vivenda que temos a nivel nacional, entendemos que para o Concello de Brión é unha oportunidade interesante para crear vivenda protexida no noso municipio. Unha operación que é beneficiosa para o noso Concello porque por unha banda, imos ter terreo para crear vivenda libre e, por primeira vez na historia de Brión, crear tamén vivenda protexida; e ademais a operación vai supoñer un retorno económico para este Concello, que estimamos en preto de 80.000 euros”.

Realista, investidor e fondamente social

Previamente, a voceira municipal socialista, Sandy Cebral, defendeu no Pleno os orzamentos presentados na comisión de contas do pasado venres. “Un orzamento equilibrado, realista, investidor e fondamente social”, resumiu Sandy Cebral, quen lembrou que “como de seguro puideron ver na documentación adxunta, tamén se tiveron en conta algunhas peticións dos grupos da oposición”.

Unhas contas que se presentan equilibradas e que medran ata os 9.246.501 euros, un 18,98% máis cos orzamentos de 2024. Os gastos de persoal medran un 10,9%, froito das modificacións da RPT dos anos 2024, 2025 e 2026, así como dos incrementos retributivos propios da estabilizacións de postos de traballo. Pola súa banda, o gasto corrente medra un 26%, froito sobre todo pola subida da achega da Deputación Provincial da Coruña. Dentro destes gastos correntes figuran partidas tan importantes como os 608.000 euros destinados ao servizo de axuda no fogar, os 495.000 euros para o servizo de abastecemento de auga, os 210.000 euros do servizo de saneamento e depuración de augas residuais ou os 286.000 euros en enerxía eléctrica.

No capítulo de investimentos, a voceira municipal recoñeceu un descenso de 300.000 euros se ben indicou que “como explica a Intervención municipal, isto é así polas datas nas que se presentan estas contas”. Así, puxo como exemplo que o Concello de Brión recibiu en agosto a confirmación dunha achega de medio millón de euros da Xunta ao proxecto de mellora e acondicionamento do complexo deportivo de Pedrouzos. “Unha obra que nos permitirá cambiar o céspede do campo municipal de Brión por outro de última xeración, reorganizar o tráfico na contorna do polideportivo de Pedrouzos e construír unha dársena para os autobuses do colexio e o instituto. Unha actuación que conta cunha inversión de 1,19 millóns de euros. Se o sumamos, xa estariamos un 72% por riba da cifra de inversións prevista en 2024”, concluíu.

Entre as actuacións máis importantes de estes orzamentos figuran os 537.000 euros para a reforma do campo de fútbol municipal de Bastavales, case 200.000 euros para a mellora das redes de saneamento e abastecemento en Romarís, Brión, Santa Minia e Sabaxáns. Tamén se contempla medio millón de euros para melloras de estradas e accesos a núcleos de poboación, sen contar os 1,1 millóns de euros da obra de humanización da AC-524 ao seu paso polos Ánxeles que está a piques de rematarse ou os 2,48 millóns de euros para a mellora da eficiencia enerxética e o cambio de todo o alumeado municipal a LED, actualmente en execución.

Debate en Pleno

A voceira municipal do PP, María Faraldo, anunciou o voto a favor destes orzamentos “porque consideramos que son os que necesita nestes momentos o Concello de Brión. Como ben dixo a voceira do grupo do Goberno, son os máis elevados da historia de Brión, os máis investidores e tamén os que máis incrementan o gasto en servizos sociais, cultura e ensino”.

Así mesmo, agradeceu ao grupo de Goberno “que as nosas achegas foran tidas en conta e agardamos que estes orzamentos sirvan para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Brión”.

Pola súa banda, o voceiro municipal do BNG, Xosé Luís Penas, xustifico o voto en contra do seu grupo por ser “un orzamento que nace morto”, criticando en varias ocasións tanto a data da súa presentación como o escaso tempo dispoñible para analizalo en profundidade e que as súas cifras foran presentadas á veciñanza antes da celebración da sesión plenaria, o que cualificou como “insulto á veciñanza”.

Na súa longa intervención, de máis de media hora, Penas repasou as distintas cifras dun orzamento que cualificou como “mediocre, desde o punto de vista político”, cun “nulo incremento en axudas sociais” e botou en falla “unha política real e definida” por parte do Grupo de Goberno, sen ben recoñeceu que son “formalmente impecables” e que non inclúen ningún reparo por parte da Intervención municipal. Na última parte da súa intervención, o voceiro municipal indicou que este “será o último orzamento que elabore” o actual grupo de Goberno.

Políticas sociais

A voceira do Grupo de Goberno respondeu a estas críticas dicindo que “insulto á veciñanza sería deixar sen subir nun 24,4% a partida destinada a servizos sociais. Insulto á veciñanza sería non subir nun 26% a partida destinada a cultura e nun 20% a de deporte. Nós temos moi claras as nosas prioridades. En ensino, por exemplo, este Goberno vai subir un 7,6% a partida destinada a educación. E se leron a revista municipal Altamira saberán que este verán viñeron os técnicos da Xunta de Galicia a visitar o colexio de Pedrouzos para facer o proxecto de reforma integral das instalacións. Iso é planificación política, xestión económica e traballar pola veciñanza”.

Ante as criticas de falta de participación na elaboración das contas, Cebral lembrou que “o BNG votou en contra dos primeiros orzamentos participativos da historia de Brión. Se lles consultamos, din que non. Se non lles consultamos, tamén. Ao mellor o problema non o ten este Equipo de Goberno”. E sobre as críticas ás partidas de investimentos reais, a voceira municipal instou ao BNG a ver o Anexo de Investimentos “porque a realidade está nese documento e nel se recollen actuacións por máis de 6,5 millóns de euros. E, por moito que se empeñe en dicir o contrario, os veciños e veciñas de Brión verán materializadas esas actuacións máis pronto ca tarde”.

Cebral si que admitiu que “outubro non é un mes habitual para presentar uns orzamentos” e que “a nosa intención era telos presentados moito antes pero os prazos son os que son. Agora disporemos duns orzamentos actualizados, que prorrogaremos en xaneiro coa garantía de que todas as actuacións van saír adiante porque teremos o financiamento necesario para conseguilo”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *