Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today20 febrero, 2024
Este ano estrearase a iniciativa “Café con verso”: os establecementos hostaleiros de Brión entregarán un poema de Rosalía con cada café
19 de febreiro de 2024.- O Concello de Brión convida a toda a veciñanza a participar na programación especial que terá lugar esta semana en homenaxe a Rosalía de Castro, a autora galega máis senlleira e especialmente vencellada ao municipio a través de Bastavales. Un espectáculo de animación para os máis pequenos, unha ofrenda floral no adro da igrexa de Bastavales e dúas accións cos establecementos hostaleiros (Caldo de Gloria e Café con verso) conforman a programación especial do Día de Rosalía de Castro en Brión.
Os actos darán comezo o xoves 22 de febreiro, ás 18:00 horas, cando Carmen Domech e os seus monicreques visiten a sala municipal de exposicións da Casa da Cultura para presentar o seu espectáculo “Unha rosa cada día, xogando con Rosalía”. Trátase dun contacontos con monicreques que busca achegar a poesía de Rosalía de Castro ás crianzas. A sesión está destinada ao público familiar, con entrada libre e de balde ata completar a capacidade do local.
E o venres 23 de febreiro, “Día de Rosalía”, o acto central terá lugar ás 12:00 horas no adro da igrexa parroquial de San Xiao de Bastavales, onde haberá unha ofrenda floral e lecturas de poemas por parte do alumnado do CEIP de Pedrouzos e do IES de Brión. Así mesmo, durante toda a xornada poderase degustar o Caldo de Gloria en distintos establecementos hostaleiros de Brión. Como novidade, este ano porase en marcha “Café con verso”, unha iniciativa na que varios establecementos hostaleiros do municipio entregarán un poema de Rosalía de Castro con cada café que se consuma o 23 de febreiro.
Escrito por Líder Redacción
brion comarca homenaxe radio lider santiago rosalia de castro
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)