AD

Deportes

Bronce europeo para Luis Penido tras unha tempada de superación

today20 septiembre, 2026

Fondo
share close
AD
  • O equipo galego e o seu piloto, Luis Penido, conquistan a terceira posición final do Grupo 5 do FIA European Hillclimb Championship 2026 tras unha campaña marcada polas adversidades e a capacidade de sobrepoñerse a cada obstáculo

Buzet (Croacia), 20 de setembro de 2026. O Luis Penido Rally Team puxo esta fin de semana o broche de “bronce” a unha das tempadas máis exixentes e emocionantes da súa traxectoria deportiva. A histórica subida de Buzetski Dani, en Croacia, escenario da última proba do FIA European Hillclimb Championship 2026, foi o lugar onde o equipo galego culminou unha auténtica xesta deportiva ao asegurar a terceira posición final do Grupo 5 do Campionato de Europa, só superados polo checo Bejda e o polaco Mikolajczyk, situando o equipo compostelán no podio continental e converténdoo unha vez máis no gran representante de Galicia e España na máxima competición europea de montaña.

Máis alá dos números e dos resultados, o podio acadado en Croacia simboliza a recompensa a meses de traballo, sacrificio e perseveranza. A tempada estivo lonxe de ser un camiño sinxelo. Os problemas de suspensión sufridos no seu coche, que incluso provocaron un importante accidente en Alemaña, puxeron a proba a fortaleza do proxecto. Nese momento, o campionato parecía complicarse enormemente, pero lonxe de renderse, piloto e equipo decidiron afrontar o desafío con máis determinación ca nunca.

A partir de aí comezou unha carreira paralela, a que non aparece nas clasificacións oficiais. Proba tras proba, o Luis Penido Rally Team foi pelexando cada punto do campionato e demostrando que a verdadeira grandeza dun equipo non se mide cando todo funciona perfectamente, senón cando é capaz de levantarse despois de cada golpe.

A recompensa chegou finalmente en Buzet. Nunha das citas máis emblemáticas e exixentes do calendario continental, Luis Penido e todo o seu equipo certificaron un resultado que transcende o meramente deportivo. O terceiro posto final do Grupo 5 supón o recoñecemento ao traballo dunha estrutura que percorreu miles de quilómetros levando o nome de Galicia e España por algúns dos escenarios máis prestixiosos do automobilismo europeo.

En palabras do piloto compostelán: “Esto é unha marabilla. Ao final terminamos terceiros do Grupo 5, despois de 10 carreiras, nunha tempada na que tivemos varias incidencias, pero estamos moi contentos. Grazas aos patrocinadores e colaboradores do equipo, grazas a todo o mundo que nos apoia desde sempre, a todos os que nos están sempre botando unha man e que fan posible que poidamos facer estas cousas tan lonxe da nosa terriña”.

Porque algunhas tempadas lémbranse polas vitorias. Outras, pola maneira en que se conseguen. E a de 2026 quedará na memoria como unha desas historias que explican por que o automobilismo é moito máis ca unha competición.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *