Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 diciembre, 2024
O músico galego Christian Pensado converteuse no gañador do Concurso de Nadal da CRTVG, coa súa canción «Luz Xigante». A obra, unha fusión de pop e rock, destaca por transmitir a emoción de volver ao fogar durante o Nadal. «Esta canción naceu dos momentos nos que regreso á miña casa en Vilaferreiro», explicou o artista en Radio Líder Santiago, onde tamén falou sobre o proceso creativo e a súa traxectoria.
Christian compartiu que o anuncio da súa vitoria foi unha experiencia indescritible. «Pónseme a pel de galiña cada vez que penso no que logrei», confesou emocionado. O xurado, formado por expertos como Iago Pico e Carolina Rubirosa, eloxiou a orixinalidade do tema e destacou a súa capacidade para innovar dentro dun estilo tradicional como o das cancións de Nadal.
O artista, nacido en Mazaricos, vive e traballa en Madrid como segundo xefe de sala no restaurante máis antigo do mundo, o Sobrino de Botín, emblemático restaurante que conta con 299 anos de historia. «É un orgullo levar o nome de Galicia a través do meu traballo na hostalería e da música», comentou.
Tamén falou sobre os retos da emigración. «A morriña sempre está aí; preciso volver a Galicia cada mes para respirar aire puro e conectar coa miña aldea». A súa experiencia persoal influíu na creación do álbum que lanzará proximamente, titulado «Voltar», dedicado á emigración galega.
O artista destacou a importancia de plataformas como o Concurso de Nadal da CRTVG para dar visibilidade a novos talentos galegos. «Hai moitos artistas emerxentes en Galicia, tanto bandas como solistas, que están creando cousas marabillosas. Necesitamos máis música en galego e este tipo de concursos son un escaparate perfecto», afirmou.
Ademais do lanzamento do seu álbum, Christian revelou que estará na preselección de Eurovisión en San Marino o próximo mes de xaneiro. «Se pasamos a semifinais, imos con todo», anunciou. Tamén adiantou a súa intención de colaborar con outros artistas galegos no futuro, así como a incorporación a unha orquetra galega.
A entrevista completa, no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)