Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today17 septiembre, 2026
Marta Abal levará ao Pleno a elaboración dun Plan Director de Instalacións e Equipamentos Deportivos que permita coñecer as necesidades reais da cidade, optimizar os recursos existentes e planificar os investimentos dos próximos anos.
Os socialistas reclaman que, mentres non se creen novos equipamentos, o Concello explore alternativas e fórmulas de colaboración con outras entidades para ampliar os espazos e horarios dispoñibles, tamén nas instalacións acuáticas.
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2026. A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal anunciou que o grupo socialista solicitará no Pleno ordinario deste mes que o Goberno de Sanmartín impulse un Plan Director de Instalacións e Equipamentos Deportivos ante o incremento continuado da práctica deportiva e da demanda de espazos na cidade.
Abal advertiu de que “en Compostela, o deporte medra. Medran as usuarias e os usuarios, medran os clubs e medra a demanda, pero as instalacións non medran ao mesmo ritmo”, e sinalou ademais que as xa existentes, “tanto municipais como doutras entidades públicas ou privadas, non sempre se optimizan como deberían”.
Por iso, as e os socialistas propoñen elaborar “un documento vivo” que permita “coñecer as necesidades reais de Compostela, saber con que recursos contamos e como podemos aproveitalos mellor”, así como “planificar as actuacións e os investimentos necesarios para os próximos anos”. Para Abal, “precisamos unha folla de ruta clara que nos permita anticiparnos e dar resposta a unha demanda deportiva que non deixa de medrar”.
En paralelo, a concelleira socialista reclamou solucións para as necesidades actuais e advertiu de que “mentres non se avance na creación de novas instalacións deportivas, o Concello ten que explorar todas as alternativas ao seu alcance para responder á demanda crecente”, tamén no ámbito acuático, buscando “fórmulas de colaboración con outras entidades para que os clubs e as persoas usuarias dispoñan dos espazos e dos horarios que precisan”.
Abal defendeu así unha maior aposta municipal polo deporte nun contexto no que a práctica deportiva continúa aumentando, porque “investir en deporte é investir directamente na saúde e na calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)