Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2023.- A trixésimo sétima edición do Festival Internacional de Cinema ‘Cineuropa’ baixou o pano este sábado nunha cerimonia de clausura na que se deron a coñecer os ditames do Xurado Oficial e o Xurado Novo do certame sobre os mellores traballos proxectados nas seccións competitivas así como o premio do público ao mellor filme.
O acto, que se desenvolveu no Teatro Principal coas intervencións da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, do director do festival José Luis Losa e das persoas integrantes de ambos os xurados, puxo fin a 17 días de cinema nos que se proxectaron 115 filmes en preto de 200 sesións que permitiron ao público de Compostela gozar das películas máis premiadas no panorama cinematográfico internacional, das creacións máis recentes da cinematografía galega e das olladas de novas e novos cineastas nesta e noutras latitudes para alén de pór o foco na pegada fílmica de diferentes acontecementos e personaxes históricos como a ditadura pinochetista, a chegada da democracia á arxentina ou a figura de Jorge Semprún.
Palmarés do Xurado Oficial
A programadora franco-uruguaia Valentina Otormin Dall’Oglio, o crítico e escritor catalán Carlos Losilla e o director e guionista hispano-uruguaio Álvaro Brechner conformaron o xurado internacional encargado de seleccionar os mellores traballos concorrentes á sección competitiva Novas/os Cineastas. O filme Enigma de Lume (Riddle of fire), primeira longametraxe do estadounidense Weston Razooli, foi distinguido co premio á mellor película, mentres que Inside the Yellow Cocoon Shell (Bên trong vỏ kén vàng) lle valeu ao cineasta vietnamita Phạm Thiên Ân o recoñecemento como mellor director. No seu ditame, o xurado premiou ademais a grega Sofía Exarchou polo guión de Animal (película da que tamén é directora) e as interpretacións do actor alemán Jan Bülow, en A teoría universal (Die Theorie von Allem, de Timm Kröger), e da actriz británica Mia McKenna-Bruce no filme Como ter sexo (How to have sex, de Molly Manning Walker). Houbo ademais unha mención especial para o filme Baan, da directora portuguesa Leonor Teles, pola “súa exploración de novas formas”.
Palmarés do Xurado Novo
Pola súa banda, o Xurado Novo da 37ª edición de Cineuropa, composto por Carlota Álvarez, Mike Cruz, Mateo Fernández, Lucía Ortigueira e André Parra, distinguiu O mal non existe (Aku wa sonzai shinai) de Ryusuke Hamaguchi como mellor película e a Justine Triet como mellor directora por Anatomía dunha caída (Anatomie d’une chute), mentres que o galardón ao mellor guión foi para Aki Kaurismäki por Follas de outono (Kuolleet Lehdet). Os premios ás mellores interpretacións recaeron na actriz portuguesa Anabela Moreira polo seu traballo en Mal Viver (dirixida por João Canijo) e no actor senegalés Seydou Sarr, protagonista de Eu, capitán (Io, capitano, de Matteo Garrone). O Xurado Novo dedicou tamén unha mención especial a Non agardes moito da fin do mundo (Nu aștepta prea mult de la sfârșitul lumii), do romanés Radu Jude pola “súa experimentación visual e narrativa, pola súa crítica social baseada no humor cínico e por expor realidades a través dunha gran variedade de técnicas e formatos”.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)