Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
20/11/2023.- A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presidiu hoxe a entrega dos diplomas acreditativos ás persoas participantes no obradoiro de emprego Innobosque, que se desenvolveu ao longo do último ano. No acto tamén participou o xefe territorial da Conselleria de Promoción do Emprego e Igualdade, Pedro Pablo Lorenzo Díaz.
Un total de 20 persoas maiores de 18 anos participaron no obradoiro de emprego Innobosque, que se desenvolveu ao longo dos últimos 12 meses. Dez delas formáronse na especialidade de «Repoboación forestal e tratamentos silvícolas», e as outras dez en «Desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos» e en «Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web». O obradoiro estivo subvencionado pola Xunta de Galicia con 533.987 euros, mentres que a achega municipal foi de 63,763,72. Ademais da formación e práctica do alumnado-traballador, o obradoiro supuxo a contratación dunha directora, un mestre de repoboación forestal e tratamentos silvícolas, un mestre de desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos e desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web, unha mestra de formación complementaria e unha titora.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude salientou que este tipo de obradoiros «permiten mellorar a empregabilidade das persoas en situación de desemprego a través da súa cualificación profesional, combinada coa adquisición de experiencia laboral». Ao tempo, incidiu María Rozas, «os obradoiros tamén permiten desenvolver proxectos que melloran o noso municipio e dos que é beneficiaria o conxunto da veciñanza». Neste caso, un dos obxectivos foi mellorar os bosques urbanos de Santiago, «un traballo que vai na liña do impulsado en anteriores obradoiros de emprego que permitiron poñer en valor espazos como as Brañas de Sar, o Banquete de Conxo ou o Monte Viso».
Ao abeiro do Innobosque acondicionáronse 2.300 metros de novas sendas, fíxose un importante labor de roza, e elimináronse eucaliptos para a súa substitución por outras especies arbóreas. Ademais, deseñouse unha web para a valorización do bosque urbano de Santiago.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)