AD

Actualidad

María Rozas: “Compostela Aberta aspira a volver ser a principal forza política de esquerdas de Santiago”

today2 octubre, 2026

Fondo
share close
AD

A tenenta de alcaldesa de Santiago repasou en Radio Líder Santiago os cambios no transporte público, as bolsas de comedor e terapias, os equipamentos para maiores e persoas sen fogar e os plans para a mocidade. Sobre o futuro de Compostela Aberta, confirmou que a formación decidirá este outono quen encabezará a candidatura ás próximas municipais co horizonte de aumentar a súa representación en Raxoi, sendo a forza de esquerdas máis votada.

María Rozas, primeira tenenta de alcaldesa de Santiago e responsable das áreas de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, repasou en Radio Líder Santiago algúns dos principais proxectos desenvolvidos polo Goberno municipal e avanzou as prioridades que marcarán os próximos meses. Transporte público, atención social, vivenda, mocidade, comercio e o futuro electoral de Compostela Aberta centraron unha entrevista na que Rozas reivindicou a ambición das políticas impulsadas durante o actual mandato.

Un dos primeiros asuntos abordados foi o novo contrato do transporte urbano de Santiago, que, segundo explicou Rozas, introducirá importantes modificacións nas conexións co rural, nas frecuencias, no transporte nocturno e nas ferramentas de información aos usuarios. “Creo que realmente vai marcar un antes e un despois na mobilidade de Santiago de Compostela”, afirmou.

A tenenta de alcaldesa incidiu na dimensión pública do servizo e lembrou o esforzo económico municipal que implica o novo contrato. “O transporte público ten que ser un dereito de todos os veciños e veciñas. É un deses servizos esenciais polos que unha Administración local ten que apostar”, sinalou durante a entrevista.

Rozas tamén respondeu á polémica xerada arredor da conexión cos Tilos, no municipio de Teo. Fronte ás críticas pola reorganización das liñas, asegurou que a comunicación con Santiago non desaparecerá. “A conexión dos Tilos con Santiago de Compostela non desaparece; ao contrario, mellórase”, sostivo, explicando que as dúas liñas actuais se fusionarán nunha e que a frecuencia pasará de vinte a quince minutos. “Os veciños dos Tilos van poder continuar chegando a calquera punto de Santiago. Van facelo dunha forma diferente, pero van poder continuar chegando”.

Bus nocturno e novas conexións para traballadores

Entre as novidades do contrato, Rozas destacou tamén a introdución do transporte nocturno determinados días da semana, especialmente durante as fins de semana. Para a concelleira, a medida non responde unicamente á actividade de lecer, senón tamén á necesidade de ofrecer alternativas reais ao vehículo particular.

“Se chamamos a xente a ser responsable na utilización do seu vehículo, temos que ter alternativas para poder volver á casa que non sexan o coche privado ou o taxi”, razoou. A reforma tamén pretende dar resposta ás necesidades laborais do polígono do Tambre, cunha conexión adaptada aos horarios de entrada dos seus traballadores, unha demanda histórica do tecido empresarial da zona.

Rozas: “Os servizos sociais teñen que ser universais”

Boa parte da conversa estivo dedicada á política social municipal, unha área da que Rozas dixo sentirse especialmente orgullosa e na que quixo recoñecer expresamente o traballo do persoal do departamento. “Sen elas non sería posible sacar estas propostas adiante”, afirmou en referencia ás traballadoras dos Servizos Sociais municipais.

A responsable municipal defendeu un cambio de perspectiva na atención social. “Os servizos sociais teñen que deixar esa visión de caridade para os colectivos máis vulnerables. Os servizos sociais teñen que ser universais”, subliñou.

Entre as medidas que destacou figuran as bolsas de comedor escolar. Segundo explicou durante a entrevista, o Concello chega actualmente a arredor de 2.000 crianzas, fronte ao pouco máis dun cento de beneficiarios que, segundo a súa comparación, había unha década atrás. “Hai familias ás que lles custa chegar a fin de mes e unha bolsa de comedor pode cambiar en parte esa situación”, asegurou.

Rozas puxo igualmente o foco nas bolsas municipais destinadas a financiar servizos terapéuticos para menores, como logopedia, fisioterapia ou terapia ocupacional. Trátase, explicou, de axudas pensadas para familias con nenos e nenas que precisan estes tratamentos aínda que non teñan recoñecida unha necesidade especial.

A concelleira asegurou que outras administracións se interesaron por este programa e defendeu a extensión deste modelo máis alá de Compostela. “Non é xusto que os veciños e veciñas de Santiago poidan ter financiados estes gastos e que noutros concellos non. Reivindícoo para todos os lugares”, afirmou.

Un centro multiusos para maiores e o recurso de Belvís

A atención ás persoas maiores foi outro dos eixos da entrevista. Rozas avanzou a próxima posta en marcha das obras dun novo centro multiusos no antigo edificio da Tesouraría da Seguridade Social, en San Pedro de Mezonzo, cun investimento que cifrou en preto de dous millóns de euros.

O equipamento estará especialmente orientado ás persoas maiores, pero terá unha vocación interxeracional. A intención, explicou, é desenvolver actividades relacionadas co envellecemento activo, combater situacións de soidade e crear espazos compartidos para diferentes idades.

Tamén se referiu ao centro destinado ás persoas sen fogar de Belvís. Rozas explicou que a obra está rematada e que o reto pendente é completar a contratación da súa xestión para poder abrir o recurso. O obxectivo é contar cun espazo onde as persoas sen fogar “poidan vivir, durmir, comer e intentar avanzar cara a outro estilo de vida”.

Ao falar das novas situacións de vulnerabilidade, Rozas puxo o foco especialmente na vivenda e no custo da vida. “É evidente que temos un problema de vivenda e ese problema ten unhas repercusións importantísimas para todos e todas, non só para os colectivos máis vulnerables, senón mesmo para familias que podemos considerar de clase media”, advertiu.

A Factoría Moza, unha aposta de cinco millóns

No ámbito da xuventude, a tenenta de alcaldesa sinalou como un dos grandes proxectos de futuro a denominada Factoría Moza, que se pretende desenvolver en Salgueiriños no espazo inicialmente reservado para o parque de bombeiros comarcal.

Rozas recoñeceu unha carencia de lugares propios para a mocidade na cidade. “Un dos problemas que temos coa xuventude é que non hai espazos para que se xunte. Case obrigamos os mozos e mozas a ir aos centros comerciais porque faltan espazos”, lamentou.

O proxecto dispón, segundo explicou, de arredor de cinco millóns de euros de fondos europeos e atópase na fase de contratación da redacción do proxecto e da dirección de obra. Rozas admitiu que o equipamento non estará rematado no actual mandato, pero confía en que o traballo realizado permita materializalo no seguinte. “O máis importante creo que xa se fixo, que foi conseguir os fondos”, apuntou.

Comercio local e o risco dun casco histórico convertido nun “parque temático”

A situación do comercio tradicional ocupou tamén parte da entrevista. Rozas recoñeceu as dificultades que atravesan tanto o casco histórico como o Ensanche, nun escenario marcado polo cambio nos hábitos de consumo, o incremento das compras por internet e a competencia das grandes superficies.

Sobre a zona histórica, destacou a decisión municipal de limitar a apertura de novos establecementos dedicados exclusivamente a produtos turísticos e souvenirs. A medida, explicou, procura favorecer a medio e longo prazo unha maior diversidade comercial e recuperar negocios útiles para quen reside no centro.

“Se non hai comercio, tampouco hai residentes, e os residentes tamén queren ter comercio preto”, resumiu. Ao seu xuízo, Santiago debe evitar procesos vividos noutras cidades turísticas: “Temos exemplos doutras cidades que se foron convertendo en parques temáticos e creo que todos temos claro que iso non é o que queremos para o noso casco histórico”.

Rozas tamén considerou un erro a evolución comercial do polígono de Costa Vella, por entender que acabou desviando actividade desde a trama urbana ao tempo que ocupaba espazo que podería terse destinado a usos propiamente industriais. “Ao final perdemos todos: perde o comercio, perde a industria e perdemos os veciños e veciñas”, afirmou.

“A política non pode consistir en estar discutindo todo o tempo”

Na recta final da entrevista, a conversa entrou no terreo político. Preguntada pola convivencia de Compostela Aberta co BNG no Goberno municipal, Rozas recoñeceu que existen diferenzas entre ambas as formacións, pero defendeu a procura de acordos como principio de actuación.

“Somos forzas políticas diferentes, temos propostas ou visións diferentes, pero sempre intentamos chegar a acordos porque creo que os veciños e veciñas de Santiago é o que merecen”, sinalou.

Rozas amosouse crítica co clima de confrontación permanente que, ao seu entender, existe en parte da política actual. “Os cargos públicos e os políticos teñen que estar aí para cambiar a vida da xente, non para estar discutindo todo o tempo e mediatizando esas discusións. Eu non creo nesa clase de política”, afirmou.

A dirixente de Compostela Aberta insistiu en que o diálogo debe estar por riba das diferenzas partidarias: “Aínda que haxa diferenzas, hai que chegar a un punto común, a un encontro polo ben da veciñanza”.

Compostela Aberta decidirá a candidatura este outono

Sobre o seu propio futuro electoral e a posibilidade de volver encabezar a candidatura de Compostela Aberta nas próximas eleccións municipais, Rozas evitou anticipar unha decisión que, lembrou, corresponde ao conxunto da organización.

“Compostela Aberta será quen o decida. Será neste outono, nas datas nas que habitualmente a miña organización decide quen é a persoa candidata”, explicou, precisando que aínda non existe unha data concreta para ese proceso asembleario.

Rozas aproveitou a pregunta para reivindicar o peso do colectivo fronte á excesiva personalización da política. “Moitas veces centrámonos nun líder ou nunha lideresa en concreto, e un líder ou unha lideresa sen un equipo detrás non funciona”, afirmou. “Eu síntome moi orgullosa de que Compostela Aberta teña un equipo e xente da que moitos poderían ser posibles candidatos ou candidatas”.

Tamén lembrou que Compostela Aberta naceu xa como unha confluencia municipalista en 2015 e defendeu a continuidade do proxecto. “Compostela Aberta apareceu no ano 2015 para quedar e para transformar as políticas de Santiago”, proclamou.

Sobre as expectativas para os próximos comicios, Rozas confirmou que o obxectivo da formación pasa por aumentar a súa presenza no Pazo de Raxoi. “Temos clarísimo o obxectivo de incrementar a representación que ten Compostela Aberta no Concello de Santiago”, sinalou, engadindo que a formación aspira tamén a recuperar o peso político acadado nas eleccións municipais de 2015.

Nun escenario que definiu como “moi aberto” e mesmo “moi convulso”, Rozas pechou a entrevista confiando na capacidade da cidadanía para avaliar a acción dos diferentes partidos. “Os veciños e veciñas non son menores de idade; teñen moi claro e saben valorar moi ben”, concluíu, convencida de que a sociedade compostelá xulgará nas urnas os “logros e avances” do actual mandato.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *