Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Valga, 15 de novembro de 2023.- A estrada PO-548 (Pontecesures-Vilagarcía) permanecerá pechada ao tráfico durante a xornada do venres, día 17, ao seu paso por Cordeiro debido ás obras de instalación da nova pasarela, coa que se completará o proxecto de construción da senda peonil que conecta coa zona do colexio Ferro Couselo, pavillón deportivo, tanatorio e igrexa parroquial. Así mesmo, tamén permanecerá cortada a actual pasarela para vehículos que discorre sobre a PO-548.
O corte estará vixente entre as 8:00 e as 20:00 horas, aproximadamente, se ben pode haber cambios en función de como se desenvolvan os traballos, que requiren do posicionamento de maquinaria pesada sobre a calzada para o izado e colocación da pasarela.
Haberá sinalización axeitada e persoal da empresa adxudicataria das obras en todas as interseccións indicando as alternativas para a circulación de vehículos. Os turismos que circulen en dirección Vilagarcía poderán chegar ata o cruce cara o Auditorio Municipal, á altura da Carballa, e a partir de aí deberán empregar a estrada PO-190, que discorre por Ferreirós e Vilar en dirección a Catoira. Os que circulen en dirección contraria deberán enlazar coa mesma PO-190 no alto de Cordeiro.
No referente aos vehículos pesados, os que veñan en dirección Catoira-Valga non poderán empregar a PO-548 en ningún caso e serán desviados. Os procedentes de Pontecesures, só poderán circular ata Cordeiro en caso de que se dirixan ás empresas da zona ou que vaian a prestar servizo a vivendas e establecementos das parroquias de Campaña e Cordeiro.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)