AD

Actualidad

Deputación e Concello de Ames rematan as obras de mellora da avenida da Maía

today21 octubre, 2024

Background
share close
AD

Valentín González Formoso e o alcalde, Blas García, asinaron esta mañá o convenio para a construción dunha nova área de autocaravanas en Bertamiráns

Formoso destaca os máis de 24 millóns de euros investidos pola Deputación en Ames, que permitiron a execución de 100 obras no municipio desde 2016

Ames, 21 de outubro de 2024.- O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta mañá as obras de mellora da avenida da Maía do concello de Ames, en Bertamiráns, xunto ao alcalde, Blas García, o deputado de Deportes, Antonio Leira, e a deputada de Política Social, Mar García Vidal. Previamente, asinaron un convenio para a construción dunha nova área de autocaravanas en Bertamiráns. Tamén visitaron a obra de recuperación do campo de fútbol de Ortoño.

As institucións provincial e local veñen de rematar os traballos nunha das principais avenidas de Ames, que consistiron en acondicionar e mellorar a estética e accesibilidade das beirarrúas, así como ampliar os espazos para uso peonil. O investimento total desta obra ascendeu a 301.205 euros, dos que a entidade provincial aportou o 80% do financiamento, 240.964 euros, e a administración local a cantidade restante, 60.241 euros.

Formoso e García aproveitaron o seu encontro para asinar un novo convenio de colaboración para a construción dunha nova área de autocaravanas en Bertamiráns, anexa ao campo da festa da Peregrina. O acordo permitirá a creación dun aparcamento con capacidade para 15 autocaravanas, das cales unha praza estará adaptada para manexo das persoas con mobilidade reducida. A área contará cunha plataforma para operacións de limpeza e enchido de depósitos, así como evacuación de augas.

O proxecto suporá un investimento de 71.399,30 euros, dos que preto do 80% serán financiados pola Deputación da Coruña e o resto será achegado polo Concello de Ames. O alcalde, Blas García, dixo “acabamos de asinar co presidente da Deputación un convenio para crear unha zona de autocaravanas en Bertamiráns, que nos permitirá contar cunha nova zona máis ampla, mellor situada e mellor xestionada, dado o elevado número de autocaravanas que existen”.

24 millóns de euros e 100 obras en Ames

Formoso destacou que a Deputación da Coruña suma máis de 24 millóns de euros investidos en Ames desde 2016, boa parte deles con cargo ao Plan Único, que permitiu a execución de 100 obras e o financiamento de numerosos servizos no municipio cun modelo de financiamento “xusto para os concellos, no que dispoñen de total autonomía para decidir as súas prioridades”.

“Mentres o Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia ofrece un incremento de cero euros para o exercicio do 2025 a concellos como Ames, a Deputación aumentará o orzamento para todos os concellos en arredor dun 40% o vindeiro ano. Non se trata de poñer deberes a terceiros, pero si de dar valor ao que facemos nós”, apuntou Formoso.

Neste sentido, o presidente provincial destacou que o Plan Único alcanza este ano os 100 millóns de euros (2,2 millóns para o Concello de Ames) o que supón “un récord de investimento” para financiar obras e servizos públicos que melloran a calidade de vida da cidadanía. “Actuamos en mellora de infraestruturas, na área social, en cultura, en deportes…Ames é un concello moi dinámico e tratamos de dar resposta ás súas necesidades”, afirmou.

Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, destacou a labor da Deputación da Coruña como “exemplo de colaboración”. “Sempre poño en valor o traballo da Deputación porque sen ela, seguramente, os concellos non poderíamos facer a maioría das obras que estamos facendo. É un exemplo que terían que coller outras administracións, nomeadamente a Xunta de Galicia. Sobre todo porque os concellos podemos saber de antemán, cando imos elaborar os orzamentos, con canto diñeiro podemos contar”, apuntou o rexedor municipal, que lamentou que iso non sucedese cos fondos achegados polo goberno autonómico.

A visita tamén serviu para que o presidente, o alcalde e os deputados provinciais comprobasen in situ a nova pista multideporte construída no antigo campo de fútbol de Ortoño con fondos do Plan Único. Esta actuación, que supón un investimento de 268.000 euros, permite dar unha nova vida a este antigo campo de fútbol, un dos seis cos que conta o concello, que agora conta cun espazo para diferentes actividades deportivas como patinaxe e mesmo unha área de práctica de seguridade viaria para os e as escolares do municipio.

Parque Comarcal de bombeiros

Por outro lado, preguntado polo futuro parque comarcal de bombeiros de Compostela, Formoso destacou que “a Xunta de Galicia compromete unha partida que é acordada polas partes”. “Nós imos facer o mesmo nos nosos orzamentos para poñer en marcha o tan reclamado e necesario parque”. Mentres, Blas García recoñeceu que o día que se asine o documento final para a súa concreción “será un fito histórico” pola necesidade de contar coa “demandada” instalación.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%