AD

Actualidad

Diego Calvo, Elena Candia, Elena Rivo e Patricia García liderarán as candidaturas do PPdeG ás eleccións autonómicas

today13 enero, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

  • O presidente pídelles a todos eles que asuman o compromiso e a responsabilidade de “recoller e expresar as aspiracións de todos os galegos” e que o fagan “con honestidade e sendo conscientes do privilexio que supón representar ao PPdeG e pedir a confianza da xente en nome do primeiro partido de Galicia”
  • Rueda anuncia que a súa campaña “non irá de levantar muros, nin de atacar ou falar mal de Galicia e dos seus servizos públicos, nin de favorecer a crispación e os bloqueos”, senón que irá “de erixir pontes, poñer propostas enriba da mesa e traballar desde a unidade e a concordia a prol da nosa terra”

13 de xaneiro de 2024. O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, deu hoxe a coñecer os nomes das persoas que liderarán as listas do partido nas catro provincias de cara ás eleccións autonómicas do 18 de febreiro e que serán Diego Calvo por A Coruña, Elena Candia por Lugo, Elena Rivo por Ourense e Patricia García como número dous na lista de Pontevedra que encabeza o propio líder dos populares galegos.

A todos eles o presidente pediulles que asuman o compromiso e a responsabilidade de “recoller e expresar as aspiracións de todos os galegos nas catro provincias aos que lle van pedir a súa confianza”, facéndoo “con honestidade e sendo conscientes do privilexio que supón representar ao PPdeG e pedir en nome do primeiro partido de Galicia a confianza de todos os galegos e galegas”.

Para Rueda estes catro candidatos son “as cabezas visibles dun equipo moito máis amplo, formado polas mulleres e homes que integran o resto das candidaturas e que empuxarán para que o PPdeG teña o maior dos éxitos o próximo 18 de febreiro, pero sobre todo para que ese día gañe Galicia”.

Diego Calvo agradeceulle “o traballo, a dedicación e o empeño co que día a día traballa para que o PP da provincia da Coruña siga sendo un partido potente e con magníficos resultados electorais”.

Nesta liña destacou tamén de Elena Candia a súa “capacidade incansable de traballo” e a súa “resiliencia”, así como a súa vocación de servizo público e a súa concepción da política como “unha carreira de longo recorrido na que nunca hai que renderse a pesar das dificultades”.

Pola súa banda e respecto a Elena Rivo, o presidente quixo poñer de manifesto a súa ampla experiencia no mundo empresarial e académico, ao que tamén desde hai uns meses habería que engadir a experiencia política como responsable das políticas de Emprego e Igualdade no Goberno galego. “Encarna con todo o merecemento e cunhas altas expectativas a renovación tranquila e ordenada que estamos facendo na provincia de Ourense”, apuntou.

Agradeceu así mesmo a Patricia García que quixera “embarcarse” na aventura de acompañalo na candidatura pola provincia de Pontevedra e de facelo en representación do “potente tecido empresarial de Vigo” e co convencemento de que “desde o éxito empresarial tamén se poden facer moitas cousas na vida pública cando hai vocación e gañas de servir á cidadanía”.

Como cabeza de lista por Pontevedra, Alfonso Rueda asegurou que non podía ir por outra provincia que non fose a súa. A provincia na que, tal e como explicou, creceu e aprendeu politicamente, na que traballou e na que tamén vive: “Preséntome por Pontevedra porque un ten que ter claro sempre de onde vén para saber a onde vai, pero tendo claro que a miña función é representar e encabezar o proxecto político do PPdeG nas catro provincias galegas”.

“QUERO GAÑAR AS ELECCIÓNS DESDE A HONESTIDADE E O TRABALLO”

O presidente do PPdeG remarcou que se presenta ás eleccións autonómicas porque non entende a política como unha “confrontación estéril”, senón que o fai desde “a vocación de servir a xente e de construír para poder prosperar e mellorar”.

Neste sentido afirmou que a súa campaña “non vai ir de levantar muros, nin de atacar ou falar mal de Galicia e dos seus servizos públicos, nin de favorecer a crispación e os bloqueos”, senón que irá “de erixir pontes, poñer propostas enriba da mesa e traballar desde a unidade e a concordia a prol da nosa terra”.

“Nós imos defender sempre o valor da palabra dada, de asumir un compromiso e ser consciente de que hai que cumprilo porque a xente que depositou en ti a súa confianza é o que espera que fagas e non que cambies de opinión”, remarcou ao tempo que se amosaba convencido de que se o PPdeG é o primeiro partido de Galicia é precisamente porque os seus representantes “danlle valor á palabra dada, fan propostas en positivo e se identifican coa maioría dos galegos”.

Estas son as razóns polas que recoñeceu querer seguir sendo presidente da Xunta, pero remarcando que non a calquera prezo: “Quero gañar as eleccións e seguir gobernando Galicia desde a honestidade, o traballo e coa conciencia tranquila”.

“TEMOS COMPROMISO, PROXECTO E OS MELLORES EQUIPOS”

Alfonso Rueda tamén tivo palabras para “a oposición multipartita”, da que presumiu que “non quererá falar de proxectos porque ou non os teñen ou directamente son incompatibles entre si”. Pola contra, o PPdeG si falará de proxecto e non só porque o ten, senón porque ten claro o que quere para Galicia.

“Intentarán tamén que non se faga balance porque eles non teñen nada do que facer balance máis alá da súa negatividade e da súa concepción desastrosa dos servizos públicos galegos. Pero nós si faremos balance porque gobernamos e o noso deber é dicirlle a xente o que fixemos e o que queremos seguir facendo”, engadiu.

Do mesmo xeito, o presidente do PPdeG ten claro tamén que a oposición non quererá falar de equipos porque “entre eles hai moitas enemistades, moitos rencores e moitas incompatibilidades”. En cambio, el mesmo e todo o seu partido teñen claro que “sen equipos pouco ou nada se pode facer”.

“Temos un compromiso cos galegos, temos un proxecto con moitos alicerces e con feitos que permiten darlle consistencia a todo o que queremos seguir facendo, e temos ademais equipos preparados para gobernar”, concluíu poñendo en valor que a vitoria comeza “tendo os mellores equipos dispostos a traballar pensando en Galicia, mirando a Galicia e entregándose a Galicia”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%