AD

Actualidad

¿E ti, en que investirías 100.000 euros dos Orzamentos de Santiago?

today19 febrero, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

19/02/2024 Desde hoxe e ata o 3 de marzo estará aberto o prazo de votación dos Orzamentos Participativos da área de Mocidade, no que se vai decidir o destino de 100.000 euros dos presupostos municipais. O concelleiro de Xuventude en funcións, Xan Duro, deu conta do proceso, acompañado pola técnica do Departamento, Noela Vilas. O edil salientou «a alta participación e a variedade das achegas recibidas, que rachan con moitos estereotipos sobre os mozos e mozas e que demostran o seu interese por participar na vida pública, un interese que o concello tén a obriga de canalizar facilitándolles as ferramentas necesarias como son estes Orzamentos Participativos».

Desde hoxe ata o 3 de marzo, ás 23:59 horas, os mozos e mozas de entre 16 e 30 anos que residan, traballen ou estuden en Santiago, poden votar nos Orzamentos Participativos a través da web decide.santiagodecompostela.gal. No caso de non estaren empadroados ou empadroadas, será preciso remitir algún documento que acredite o vínculo con Compostela, como unha copia do carné de estudante, da matrícula, ou do contrato laboral. Na votación, cada persoa deberá seleccionar tres propostas, indicando o seu grao de preferencia.

Máis dun cento de propostas

Para a fase da votación foron validadas un total de 103 propostas, distribuídas en 15 categorías: Festivais de música e algo máis; Arte urbano e expresións artísticas; Culturas; Cine; Ciencia, Coñecemento, saberes; emprendemento; Ecoloxía e sostibilidade; Economía circular; Gastronomía saudable; eMocidade; Práctica deportiva; Igualdade, diversidade e educación sexual; Inclusión; Saúde; e Dereitos dos animais. O concelleiro Xan Duro explicou que as propostas presentadas foron moitas máis «ata 280, pero moitas delas foron agrupadas porque eran coincidentes, e outras non cumprían os requisitos técnicos en canto á súa viabilidade, límite orzamentario ou competencia municipal». O edil salientou «a ampla variedade das achegas, que poñen de relevo que a mocidade tén moitos ámbitos nos que centra o seu interese, e tamén que os mozos e mozas teñen vontade de decidir e de participar na vida pública, máis alá de votar cada catro anos nas eleccións». Nesa liña, Xan Duro recordou tamén que no proceso de Orzamentos Participativos celebráronse diferentes obradoiros formativos en institutos e facultades de Santiago, e neles participaron máis de 900 persoas. Para o concelleiro, «son datos que avalan que a mocidade tén ganas de participar, e desde o Concello temos que garantir que o poidan facer ofrecéndolle as ferramentas necesarias».

Tamén a técnica do Departamento de Xuventude, Noela Vilas, incidiu na boa acollida do proceso «e na variedade das propostas recibidas ao longo destas semanas, en moitos casos coincidentes coas liñas de traballo que temos abertas desde a Concellaría, o que nos confirma que imos na boa dirección en canto ás actividades que impulsamos nos últimos anos».

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%