Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today16 julio, 2026
• As rapazas e os rapaces do Pino campións de Europa de fútbol gaélico as dúas últimas temporadas darán o pregón
• A representación de ‘Quimera’ abrirá o programa o sábado 1 de agosto e a exhibición ecuestre ‘Sin Límites’, do adestrador Santí Serra Camps, pechará a celebración o domingo 2
• A Feira de Galos e Galiñas de Raza Piñeira, a Mostra Cabalar, Artesanía no Camiño, a concentración de coches clásicos, as demostracións de oficios e o voo de aves rapaces completan unha ampla programación de actividades para toda a familia
O Pino. 16-7-2026.- Uns pregoeiros de luxo para unha edición especial. Os rapaces e as rapazas do Pino que se proclamaron campións de Europa de fútbol gaélico nas dúas últimas temporadas darán o pregón da Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar que organiza o Concello os días 1 e 2 de agosto. Será un ano moi significativo, no que esta cita declarada Festa de Interese Turístico de Galicia celebra as súas vodas de prata e que terá un peche tamén á altura da efeméride: o espectáculo ecuestre Sin Límites, de Santí Serra Camps.
Vinte e cinco anos despois da súa creación, a festa consolídase como un referente na promoción dos galos e galiñas de raza piñeira, do mundo ecuestre, da artesanía e das tradicións galegas, cun programa pensado para todas as idades e que combina espectáculos de primeiro nivel, gastronomía, cultura e actividades familiares.
A programación arrancará o sábado 1 de agosto ás 22.00 horas co espectáculo Quimera, da compañía Pablo Méndez Performance. Unha proposta de grande impacto visual que mestura malabares, acrobacias aéreas e maxia para transmitir unha mensaxe de sensibilización sobre a importancia de preservar os bosques e as fragas.
O domingo 2 de agosto será o día grande da celebración. Desde primeira hora abrirán a XXV Feira de Galos e Galiñas de Raza Piñeira Vivas e a Mostra Cabalar, dous dos piares da festa. A feira avícola volverá reunir exemplares desta raza autóctona tan ligada á identidade do municipio, mentres que a mostra ecuestre contará cos mellores cabalos da comarca e manterá máis de 4.200 euros en premios, incluídos os galardóns especiais aos mellores movementos de Pura Raza Española (P.R.E.) e o Premio Especial Faísca ao mellor exemplar de P.R.E. nado e criado en Galicia.
Ao longo da mañá do domingo celebrarase tamén a VI edición de Artesanía no Camiño, con postos de artesás e de artesáns chegados de toda Galicia, demostracións de oficios tradicionais —como talla de madeira, encaixe de bolillos, torneado ou elaboración de pezas de feltro— e obradoiros participativos. Como complemento, desenvolveranse durante toda a xornada exhibicións de voo de aves rapaces e animacións de rúa, ademais de contar cunha ampla zona infantil con xogos e espectáculos para a cativada. A programación complétase coa II Concentración de Coches Clásicos e Históricos, que volverá reunir vehículos emblemáticos e atraer afeccionados de distintos puntos da comunidade autónoma.
Ás 13.00 horas celebrarase a tradicional degustación gratuíta de galo, seguida da entrega dos premios da feira avícola. O pregón desta edición correrá a cargo das rapazas e dos rapaces do Pino campións de Europa de fútbol gaélico nas temporadas 2024-25 e 2026-26, un recoñecemento ao seu extraordinario éxito deportivo e ao exemplo que representan para a mocidade do municipio.
Posteriormente terá lugar o tradicional xantar popular baixo a carpa instalada xunto á praza de Forcarei, para a que se poden retirar as entradas nos establecementos hostaleiros do municipio.
Pola tarde retomaranse as probas da Mostra Cabalar, coa carreira de trotóns, a exhibición de enganche, a proba de arrastre e a entrega dos premios aos mellores exemplares. Como broche de ouro ás vodas de prata da festa, ás 20.30 horas presentarase Sin Límites, o espectáculo do prestixioso adestrador Santí Serra Camps, coñecido internacionalmente como o susurrador de cabalos.
A súa doma en liberdade, baseada na confianza e na conexión cos animais, promete converterse nun dos momentos máis emotivos e espectaculares desta edición.
O Concello do Pino anima a veciñanza e as persoas visitantes a participar nesta edición tan especial da Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar. Unha celebración que, vinte e cinco anos despois do seu nacemento, continúa medrando sen perder a súa esencia: poñer en valor o patrimonio rural, a gastronomía, a cultura e a hospitalidade que distinguen o municipio.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)