AD

Actualidad

Estas son as últimas propostas do PSOE de Santiago para votar a favor dos orzamentos 2025

today13 enero, 2025

Fondo
share close
AD

 

  • A comisión negociadora do Grupo Municipal Socialista vén de intercambiar co goberno local as últimas propostas que contemplan tamén accións ante o desafío da saúde mental, unha dobre convocatoria de Bonos Corazón e investimentos no rural
  • “Temos claro que en tempos de bronca política e crispación, chegar a acordos nos que a cidadanía e o noso municipio sexa o máis importante é o responsable, o útil e o noso traballo como representantes cidadáns”, defende Muíños

A negociación dos orzamentos do Concello de Santiago para este 2025 semella encarar a súa fase final logo de que desde o Grupo Municipal Socialista entregasen ao goberno local as últimas propostas a incluír nas contas para o presente ano. Así o fixeron público este sábado, nunha intervención na que o seu portavoz, Gonzalo Muíños, defendeu a necesidade de chegar a acordos: “temos claro que en tempos de bronca política e crispación, chegar a acordos nos que a cidadanía e o noso municipio sexa o máis importante é o responsable, o útil e o noso traballo como representantes cidadáns”.

O portavoz socialista en Raxoi puxo en valor o traballo da comisión negociadora durante os últimos meses e da que formaron parte tamén as concelleiras Marta Abal e Mercedes Rosón, así como a xefa de gabinete dos socialistas. Unha comisión que traballou, explica, coa convicción d que “Compostela non pode avanzar cuns orzamentos prorrogados”. O edil socialista insiste en que “se queremos que o noso Concello progrese, se queremos unha transformación urbana, investimentos no rural, políticas activas en materia social ou na promoción da saúde mental, mellores equipamentos municipais ou máis efectivos en determinados servizos” é necesario, insiste, sacar adiante uns orzamentos que atendan “as necesidades actuais do noso municipio”.

Muíños, que defendeu a compatibilidade de facer unha oposición “crítica e esixente” pero “útil e construtiva”, insistiu na necesidade de “negociar” para “pasar das palabras aos feitos”: “se de verdade queremos que as propostas que cada mes levamos a pleno ou que ese programa electoral co que concorremos ás eleccións municipais revertan nas nosas veciñas e veciños, é preciso dialogar e acordar”.

Unha Compostela na que vivir

Desde a comisión negociadora do GMS defenden que as propostas que pretenden incluír nos orzamentos responden a un “modelo de cidade claro”. Un modelo, o socialista, no que fixan como unha das prioridades a vivenda. Neste sentido, os socialistas buscan incluír nese acordo para viabilizar as contas municipais dous compromisos: a tramitación da declaración de zona de mercado residencial tensionado durante os vindeiros meses, así como a constitución da nova Emuvissa.

Así, os socialistas queren que durante os primeiros meses deste 2025 se avance na constitución da mesa sectorial que esixe a adaptación galega da Lei 12/2023 polo dereito á vivenda. Tamén buscarán o compromiso para que se impulse a constitución da empresa municipal de vivenda e solo que permita impulsar a construción de vivenda no municipio, alén de que funcione tamén como instrumento para a rehabilitación de inmobles.

Unha Compostela con equipamentos públicos de calidade

O GMS inclúe ademais na súa batería de propostas unha lista de actuacións de mellora e rehabilitación de diferentes equipamentos públicos da cidade, así como a creación doutros novos. Neste sentido, Gonzalo Muíños explica que a pretensión dos socialistas é que o acordo de orzamentos inclúa o compromiso de impulsar a licitación do novo complexo deportivo de Santa Marta que daría servizo á zona sur de Santiago e para o que os socialistas deixaran xa un anteproxecto e un estudo económico realizado no pasado mandato.

Así, os socialistas esixen que se retome un dos proxectos que deixaran encamiñados durante o goberno de Sánchez Bugallo. Tamén, na mesma liña, reclaman que se lle de continuidade ao programa de renovación dos parques infantís da cidade. Un programa que puxeran en marcha os socialistas e que tivo como resultado a renovación do parque da Alameda, o Alfredo Vicenti no Castiñeiriño, a creación do espazo interxeracional de Sar ou a renovación do parque da Almáciga, entre outros.

Agora, o Grupo Municipal Socialista propón que se aborde a renovación do parque infantil e a pista deportiva da rúa Manuel Beiras, en Conxo, así como a renovación do parque infantil de Angrois. Tamén que se acometa a cuberta do parque infantil da rúa Lisboa, en Fontiñas, para o que desde as filas socialistas xa conseguiran que o goberno local redactase un proxecto con cargo aos remanentes de tesourería deste ano.

Tamén inclúen na súa lista de requisitos para aprobar as contas municipais que se execute a renovación do céspede do campo de fútbol de Villestro e que o goberno local xestione coa Xunta a renovación da cuberta do pavillón deportivo do CEIP das Fontiñas.

Unha Compostela dinámica e que teña as persoas no centro

Os socialistas levan tamén á negociación de orzamentos políticas en materia económica e para a promoción do comercio local. Neste sentido, reclaman que se realicen dúas convocatorias dos bonos corazón en lugar de unha como se fixo este ano. A proposta dos socialistas, que conta co respaldo das asociacións de comerciantes, pasaría porque se realizara unha convocatoria en primavera e outra en outono cun fondo de 300.000 euros cada unha, en lugar de unha soa con 400.000 como se viña realizando ata agora.

Ademais, en materia de saúde e política social, os socialistas insisten na necesidade de blindar determinadas partidas para servizos fundamentais como SAF que renovou contrato no 2024 e que xa estaba contemplado no acordo de orzamentos dese ano; pero tamén piden que se inclúa un programa específico para abordar o desaao da saúde mental, sobre todo coa vista posta na mocidade.

Avanzar na transformación urbana de Compostela

Impulso das reurbanizacións comprometidas nas rúas García Lorca (Vite) e na rúa Mallou: é outra das condicións que os socialistas poñen para poder aprobar as contas municipais. Neste sentido, reclaman que se acometan estas dúas actuacións “moi demandadas pola veciñanza da zona” explica Muíños, e este será outro dos puntos que deberá figurar no acordo.

Tamén esixen que se inclúa nos orzamentos as partidas necesarias para executar a apertura dun novo viario que conecte a rúa dos Basquiños, na altura do convento de Santa Clara, coa rúa de Arzúa. Trátase dunha rúa que xa contempla o Plan Especial vixente e que xa reclamaran desde o Grupo Municipal Socialista nun pleno municipal, toda vez que, esa conexión “permitiría pechar o artellamento do barrio da Almáciga, favorecendo a mobilidade tamén en toda a zona da Estila, Espírito Santo, Ultreia, Basquiños e mesmo San Caetano”.

Os socialistas levan tamén á negociación de orzamentos un proxecto piloto para a instalación de parklets comerciais no Ensanche. Trátase dunha proposta que xa defenderan no pleno do mes de novembro, e que consistiría en ensanchar a beirarrúa en, inicialmente, dous puntos do Ensanche, co obxectivo de crear un pequeno espazo de descanso e socialización a modo de ‘microparque’, de xeito que se incremente o fluxo peonil nas zonas comerciais nas que agora se sucede o peche de locais, ao tempo que se gaña espazo público.

Oportunidades do rural

Outro dos puntos importantes para os socialistas é o cumprimento do Pacto polo Rural. Esixen así que os orzamentos deste 2025 inclúan investimentos nas parroquias de Compostela, que pasen desde asfaltados ata a mellora dos equipamentos desas zonas, como actuacións nos centros socioculturais ou arranxos nos parques das zonas.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *