Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today25 abril, 2025
Redacción, 24 de abril de 2025.- O veterano político e xurista Jesús Palmou visitou os micrófonos de Radio Líder Santiago para unha conversa profunda e polifacética. Nomeado recentemente académico da Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación de España, o que fora conselleiro con Manuel Fraga repasou a súa traxectoria e a actualidade política, con opinións claras e matizadas.
“Síntome máis xurista ca político”, afirmou Palmou, quen conta cunha medalla de ouro da Avogacía e máis de sete décadas vencellado ao mundo do Dereito. Durante a entrevista, destacou a importancia da independencia do poder xudicial: “Coñezo a moitos xuíces e teño claro que actúan con independencia de criterio”.
Palmou fixo o seu discurso de ingreso na Academia cunha análise da Xustiza na obra de Cervantes, especialmente no Quixote. “A Xustiza aparece constantemente na obra, a pesar de que Cervantes non estudou Dereito”, explicou. Para o xurista, a literatura pode achegar reflexións críticas sobre a realidade xurídica de cada época.
Na súa etapa como conselleiro, liderou o plan de modernización das infraestruturas xudiciais en Galicia tras as transferencias de competencias. “Fixemos edificios xudiciais por toda Galicia, incluso en vilas pequenas”, lembrou con orgullo.
Tamén participou na redacción da Lei do Dereito Civil de Galicia e asinou, como conselleiro, o primeiro acordo autonómico de fomento do emprego con sindicatos e empresarios: “Foi un fito que mesmo chegou á prensa nacional”, contou.
Defensor do “galeguismo sen independentismo”, Palmou considera que o Partido Popular debe seguir por esa senda: “Non somos independentistas, pero si galeguistas, cun profundo amor á nosa cultura e á nosa lingua”.
Sobre o paso de Alberto Núñez Feijóo á política nacional, recoñece que foi unha situación complexa: “Quizais sentiríase máis cómodo en Galicia, pero tocoulle liderar o PP en España”. E sobre Rueda, destaca: “É unha persoa capaz, dedicada, e creo que a cidadanía aprecia o seu traballo”.
Mostrouse crítico coa falta de diálogo entre os principais partidos: “Na política hai poucas verdades absolutas. O diálogo é esencial”. Como exemplo, puxo a situación en Alemaña, onde “a dereita e o centro-esquerda acordan gobernos de coalición polo ben do país”.
Un dos momentos máis complicados da súa carreira foi a crise do Prestige. “Non estaba no goberno, pero participei moi activamente na resposta. Foi un momento duro, que a oposición utilizou politicamente”, lembrou.
Sobre o proxecto de Altri en Palas de Rei, foi prudente: “Se non hai prexuízo medioambiental, merece apoio. Pero se o hai, debe votarse fóra. A Xunta ten unha responsabilidade enorme neste tema”.
A parte máis entrañable da entrevista chegou cando se falou da súa faceta musical. De mozo, formou parte dun grupo chamado Os Juniors e mesmo compuxo unha canción en galego para un festival nacional xuvenil: “Un día volverei pra nunca máis marchar, e contigo serei o rei do noso fogar…”, cantou en directo.
Tamén compartiu que é pai de tres fillos e avó de oito netos: “Esta Semana Santa fomos todos xuntos ao sur. Os netos tamén ocupan o seu tempo, e ben merecido”, dixo entre risas.
Antes de finalizar a entrevista con Álvaro Veiga, director da emisora, Palmou confirmou que está a escribir un libro no que incluirá, en parte, as súas memorias. «O libro sairá en torno a este verán, e levará por título ‘No camiño’, confesou en primicia.
A súa saída da política foi voluntaria, tras dúas décadas de servizo público: “Fixen o que tiña que facer no momento xusto. Agora estou noutras cousas: cultura, fundacións, e moitas actividades que me seguen conectando co país”.
A entrevista completa, no seguinte enlace.
Escrito por Líder Redacción
Entrevista exconselleiro jesus palmou politica radio lider santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)