Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 octubre, 2024
22/10/2024 Fillas de Cassandra ofrecerá un concerto na Sala Capitol o próximo 7 de novembro, con entrada de balde pero restrinxida á mocidade. Trátase dunha iniciativa vinculada aos Orzamentos Participativos da área de Mocidade, da que hoxe deu conta a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas. Fíxoo acompañada por Sara Faro, unha das integrantes do dúo, un dos referentes no panorama musical actual en Galicia.
No proceso de Orzamentos Participativos, no que os mozos e mozas elixiron o destino de 100.000 euros do presuposto municipal, a segunda proposta máis votada foi a celebración dun concerto de música cun grupo ou artista referente da escena musical actual. María Rozas explicou que a elección de Fillas de Cassandra para darlle cumprimento a ese compromiso «responde á súa imparable traxectoria, e tamén ás súas mensaxes feministas e de promoción do galego entre a mocidade, nun momento no que tan preocupadas estamos polo futuro do noso idioma». Tamén lembrou o seu vínculo co Centro Xove da Almáciga, «onde hai só unhas semanas estiveron compartindo experiencias e aprendizaxes coas bandas residentes dos locais de ensaio nunha xornada que foi moi motivadora para todas».
Na súa intervención, Sara Faro mostrou a súa «emoción por participar nunha proposta coma esta que lle dá todo o protagonismo á mocidade», e mostrou o seu desexo de que todos e todas as asistentes ao concerto «saian da Capitol con máis ganas de participar, e con máis ganas de falar galego».
Condicións para acceder ás entradas
A concelleira de Xuventude explicou que este é un concerto peculiar, «porque é unha proposta da mocidade e para a mocidade». Polo tanto, as entradas estarán restrinxidas aos mozos e mozas de entre 18 e 30 anos (nacidos entre 1994 e 2008, ambos incluídos), e para os menores desde os 16 sempre que vaian acompañados da súa nai, pai ou titor. Ao igual que para participar nos Orzamentos Participativos dos que xorde esta proposta, será necesario acreditar que Santiago é o lugar de residencia, traballo ou estudos.
As entradas, de balde, poderánse retirar os días 5 e 6 de novembro no Centro Sociocultural do Ensanche, «unha zona céntrica, accesible, e preto de lugares frecuentados pola mocidade», e entregaráse unha invitación por persoa.
O concerto do día 7 comezará ás 9 da noite. Antes das Fillas de Cassandra, actuarán como teloneiras Boa Sunnet, un dos grupos residentes dos locais de ensaio da Almáciga.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)