Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 noviembre, 2024
29 de novembro de 2024.- O Concello de Frades instará ao Ministerio do Interior a reforzar e cubrir as baixas da plantilla da Garda Civil de Oroso, que presta servizo aos municipios de Frades, Oroso e Trazo. Así mesmo, pediralle a Interior que acometa reformas na casa cuartel orosá que resolvan as deficiencias estruturais do inmoble ou que constrúa unha nova estrutura que garanta un servizo de calidade ás familias que residen aló.
Así o aprobou o Pleno municipal, cos votos a favor de PP e PSOE e a abstención do BNG, diante dunha moción presentada polo grupo municipal do Partido Popular a petición da propia Garda Civil de Oroso. O voceiro do grupo municipal do PP, Manuel Ferreiro, explicou que “dos nove operativos do corpo, na actualidade só seis están operativos e só catro están dispoñibles. Iso supón unha maior carga de traballo e pode afectar á capacidade de resposta diante dunha incidencia” e fixo fincapé no deficiente estado da casa cuartel, “cunhas condicións que poñen en risco a saúde das familias que residen nela”.
O BNG xustificou a súa abstención argumentando que se podía pedir á Xunta que desenvolva as competencias da Policía Autonómica, punto que tamén defendeu o PSOE, se ben optou por apoiar a moción. O alcalde de Frades, Roberto Rey, respondeu que “non estamos tratando a seguridade no municipio, traemos esta moción polas queixas que nos transmitiron e porque así o pediron os gardas civís xa que están baixo mínimos, pois en ocasións hai un so de servizo para atender aos tres concellos”. Incluso puxo como exemplo xornadas nas que non hai servizo e as chamadas se desvían ao posto da Coruña.
Bonificación do IBI
Por outra banda, o Pleno aprobou dúas solicitudes de bonificación do 95% da cota íntegra do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para a Gandería Silvestre e a Gandería Rodríguez por seren inmobles nos que se desenvolven actividades agrarias e/ou gandeiras pertencentes ao sector primario. Trátase dun trámite administrativo, xa que ambas as dúas ganderías fixeron unha agrupación de dúas parcelas que xa estaban sendo bonificadas pero que, ao agrupárense, mudaron de referencia catastral, polo que foi precisa a aprobación por parte do Pleno municipal como se fora unha nova solicitude. A proposta da Alcaldía foi aprobada cos votos a favor do PP e do PSOE, e coa abstención do BNG.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)