Non transcorrera nin un cuarto de hora dende o final da presentación da Campaña de Abonados e Guillermo Caldera, abonado 1.799 do Monbus Obradoiro, xa se puxera #MansAObra.
Eran as 12:28 da mañá do venres 31 de maio cando franqueou as portas das oficinas para selar, unha tempada máis, o seu compromiso co club.
Non é a primeira vez que se convirte na persoa que inaugura as renovacións de abonos de maneira persoal: “Xa hai moitos anos que son abonado do Obra. Teño tempo libre, estou xubilado e podo aproveitar a ocasión. Xa fun dous anos o primeiro abonado e teño a honriña de ver se repito”.
Guillermo explicou a súa ilusión por apoiar, un ano máis, ao club dos amores: “Ilusióname, unha vez superada a primeira decepción no momento do descenso. Temos que recordar os catorce anos nos que estivemos aí”.
Subliñou, ademais, que antes do final do encontro ante o Joventut de Badalona, o pasado 12 de maio, tiña tomada a decisión de volver á Caldeira o vindeiro curso: “Antes de que acabase o partido, comentámolo no grupo e xa falaramos de que iamos continuar. Estamos todos xuntos e queremos continuar alí. É como a poltrona da casa”.
Ocupará, xunto co seu grupo de amigos, o seu asento na tribuna retráctil sur para vivir a tempada en Primeira FEB porque “a pesar de estar onde estamos, temos que seguir co Obra”.
Comentarios de las entradas (0)