Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today12 mayo, 2026
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2026. O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, denunciou hoxe que o Goberno da señora Sanmartín está a incumprir a súa propia normativa ao anunciar o destino dos ingresos da taxa turística sen contar co informe previo da Comisión Permanente do Foro de Turismo Sustentable, órgano previsto na ordenanza reguladora.
“O goberno municipal ten xa recursos da taxa turística, decidiu o fin deses recursos, a finalidade a que se van a dedicar eses recursos da taxa turística, e non o fixou pasando, como é preceptivo, como di a Lei da Xunta, como di a Ordenanza Municipal, por ese órgano que ten que informar ese destino”, advertiu.
Guinarte lembrou que o grupo socialista xa cuestionara a tramitación da taxa turística porque o Goberno local “comezou a casa polo tellado”, ao aprobar a ordenanza sen ter previamente constituído o órgano encargado de informar sobre o uso dos fondos recadados, cuestionando tamén o suposto consenso co sector turístico ao que fai referencia o executivo municipal e asegurou que, segundo trasladaron distintas asociacións, “non se lle comunicou cal ía ser o destino deses fondos”.
O portavoz socialista advertiu ademais de que o Foro de Turismo Sustentable “aínda non entrou en vigor” e lembrou que o regulamento segue en período de exposición pública, polo que o Goberno municipal está decidindo o destino dos fondos sen contar co órgano competente, indicando ademais que “a taxa turística vaise dedicar a subvencionar, a pagar, cousas que xa se viñan celebrando con anterioridade”, en referencia a festivais e actuacións culturais anunciadas polo Goberno municipal. Guinarte advertiu de que o executivo local está “desvirtuando o sentido da taxa turística”.
Neste sentido, o portavoz defendeu que os ingresos obtidos deberían empregarse para “mellorar a convivencia, para compensar os impactos do turismo, para reforzar os servizos en zonas tensionadas, para impulsar unha mobilidade máis sustentable e para protexer o patrimonio afectado pola presión turística”, lembrando ademais que o propio executivo defendía que este recurso debía servir para que a cidadanía percibise “os efectos tamén positivos do turismo”, compensando os impactos derivados da presión turística. “Pero vemos que en absoluto se fixou así”, criticou.
Guinarte puxo como exemplo, entre outros, a actuación prevista no Arco de Mazarelos, lembrando que xa conta con financiamento previo do Consorcio de Santiago, polo que advertiu de que tampouco nese caso se pode presentar como unha actuación financiada realmente coa taxa turística.
Por todo isto, o Grupo Municipal Socialista reclamou ao Goberno de Sanmartín que acelere a aprobación definitiva do regulamento do Foro de Turismo Sustentable e convoque “o antes posible” a súa Comisión Permanente para que os sectores implicados poidan pronunciarse sobre o destino dos fondos. “Esa non é a finalidade da taxa turística, nin esa decisión respecta a filosofía e o sentido da taxa turística para que sexa, como sempre se dixo, algo socialmente aceptado”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción
politica psdg-psoe Santiago de Compostela taxa turistica turismo



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)