AD

Comarca

Julián Bustelo aclara o xiro político en Rianxo: por que agora co PSOE?

today16 octubre, 2026

Fondo
share close
AD

O alcalde de Rianxo encabezará unha candidatura socialista que integrará o seu equipo e a agrupación local, aínda sen composición pechada, e defende a decisión como unha vía para reforzar a gobernabilidade e impulsar investimentos.

Julián Bustelo defende o acordo para encabezar a candidatura do PSdeG-PSOE en Rianxo nas municipais de maio de 2027 como unha decisión colectiva, meditada e centrada no futuro do concello. Nunha entrevista en Radio Líder Santiago, o alcalde recoñeceu a sorpresa e as dúbidas que xerou o anuncio, pero sostivo que a alianza permitirá traballar con máis forza. «Non se trata de cambiar chaquetas», afirmou.

Bustelo, que chegou á alcaldía por Rianxo en Común tras as eleccións de 2023, explicou que a futura lista reunirá persoas da agrupación socialista e do equipo que o acompaña no goberno e no traballo político municipal. «Eu vou ser o candidato dunha candidatura unitaria», declarou. A distribución de postos e a fórmula concreta de composición aínda están pendentes de definir.

O rexedor situou o acordo nun proceso de reflexión sobre o futuro de Rianxo en Común e nas conversas mantidas durante os últimos meses. Segundo expuxo, a intención é superar as dificultades de gobernabilidade e as tensións desta etapa para aspirar a unha maioría ampla. «O que se trata é de xuntar o mellor de cada agrupación», resumiu.

Preguntado polas críticas que pode suscitar a aproximación entre formacións que protagonizaron desencontros durante o mandato, Bustelo reivindicou a capacidade de pactar por riba das diferenzas. Ao seu xuízo, o feito de alcanzar o entendemento despois daqueles episodios dálle máis valor á decisión. «O que teño que facer é mirar polo que entendo que é mellor para Rianxo», argumentou.

O alcalde insistiu en que o paso non responde a unha decisión individual. Presentouno como unha aposta compartida polas persoas que sosteñen o seu proxecto e agradeceu que continúen xuntas nesta nova etapa. «Estou tranquilo coa decisión tomada», afirmou, antes de precisar que se trata dunha reflexión persoal e posteriormente grupal, «meditada, pausada».

Bustelo aclarou tamén que non está afiliado ao PSOE e reafirmou o municipalismo como referencia da súa actividade política. Ademais, negou que o acordo forme parte dunha estratexia conxunta co proceso anunciado na Pobra do Caramiñal. «Nin reunións a tres nin ningunha estratexia en común», asegurou. Sobre a organización socialista de Rianxo, avanzou que o anterior candidato deixará a portavocía e que outra persoa asumirá esa función.

A explicación política estivo acompañada dunha relación de investimentos que o rexedor considera prioritarios. Entre eles, destacou a futura residencia de maiores, para a que se asinou un convenio coa Deputación da Coruña, e a reforma do pazo de Rianxiño para convertelo nun centro de día. «Estamos máis cerca que nunca de acadar ese ansiado centro de día», sostivo.

O alcalde anunciou tamén a intención de presentar nas próximas semanas os proxectos para renovar os dous campos de fútbol municipais, cun investimento superior ao medio millón de euros. A mellora do abastecemento, do saneamento e dos servizos nas parroquias completa parte das necesidades que puxo sobre a mesa.

Bustelo vinculou a procura dunha maioría máis ampla coa capacidade de axilizar esas actuacións, mantendo o diálogo con outras forzas. O propósito, asegurou, é dar continuidade ao traballo do actual equipo con máis capacidade para executar os proxectos. «A miña preocupación é Rianxo», recalcou.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *