Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today5 julio, 2026
Declarada Ben de Interese Cultural e Festa de Interese Turístico Internacional, este festexo é un dos máis antigos de Galicia, con máis de tres séculos de historia
;
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañou este sábado á veciñanza e visitantes no primeiro curro da Rapa das Bestas de Sabucedo, no concello pontevedrés da Estrada. Fíxoo acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, onde erixiu a importancia desta tradición que, cada ano, “nos marabilla e abraia, tanto a propios como a foráneos”.
Neste senso, o titular de Cultura da Xunta lembrou que esta tradición con máis de tres séculos de historia conta cos recoñecementos de Ben de Interese Cultural, na categoría de patrimonio inmaterial, e de Festa de Interese Turístico Internacional. Trátase de dúas declaracións que, tal e como explicou, contribúen a súa preservación e difusión xunto co traballo feito pola Asociación A Rapa «cuxa enorme implicación e respecto polos animais foi de especial importancia para o mantemento desta cita ao longo dos anos”.
Por outra banda, o representante de Cultura da Xunta destacou “a importancia de coidar as nosas costumes, parte indeleble da nosa cultura, e de seguir compartíndoas coas novas xeracións”. Así mesmo, puxo en valor que esta celebración é a manifestación inmaterial máis clara que existe en Galicia da relación ancestral entre uns animais e o seres humanos, como xa se reflicte nos gravados rupestres que existen preto de Sabucedo.
A xornada na Rapa das Bestas de Sabucedo comezou xa pola mañá coa baixada dos cabalos, á que asistiron o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, xunto co director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles. O terceiro é último curro desta edición levarase a cabo o luns, ás 11,00 horas.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)