AD

Actualidad

Lucía Freitas será a pregoeira das Festas do Apóstolo 2024

today13 julio, 2024

Fondo
share close
AD

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Festas, Pilar Lueiro, desvelaron esta mañá a identidade da pregoeira das Festas do Apóstolo, que este ano estará a cargo da cociñeira compostelá Lucía Freitas, que tamén estivo presente á rolda de prensa. Desde o Concello tamén se fixo un chamamento a toda a veciñanza para unirse á gran foliada que terá lugar na praza do Obradoiro o vindeiro 19 de xullo para amenizar o pregón.

As Festas do Apóstolo deste ano arrancarán o vindeiro venres, 19 de xullo, coa lectura do pregón ás 21:30 horas desde o balcón do Pazo de Raxoi a cargo da cociñeira Lucía Freitas e que estará amenizado por unha foliada colectiva na propia praza a partir das 20:30 horas.

Na rolda de prensa de presentación, Goretti Sanmartín, defendeu a escolla de Lucía Freitas como pregoeira «porque representa dunha maneira magnífica os valores do noso Concello» e «ten un recoñecemento non só en Santiago de Compostela, senón tamén a nivel galego estatal e fóra das nosas fronteiras».

A alcaldesa recoñeceu que foi «un orgullo inmenso que aceptase» xa que «a súa filosofía culinaria é algo coa que coincidimos», coa idea de «estarmos no máis top e ao mesmo tempo estarmos mirando cara atrás, á memoria e ás orixes, a quen somos e de onde vimos», a modo de «elos dunha cadea» e buscando «a partir das raíces estar na vangarda e no moderno». A rexedora tamén vinculou a elección da pregoeira coa aposta municipal polo «turismo sustentábel», un modelo que busca que «a xente veña aquí para unha experiencia gastronómica e a coñecernos en profundidade».

Goretti Sanmartín fixo fincapé na vertente social de Lucía Freitas a través do seu proxecto ‘Amas da terra’ que «fai que teñan mellor vida todas as persoas que teñen que ver coa cadea do seu oficio» así como na «súa aposta polo mercado tradicional, as compras de proximidade e poñer en valor as labregas e as mariscadoras como unha realidade de emporamento das mulleres», segundo a a alcaldesa unha mostra da «altura de miras, humilidade e sabiduría» da cociñeira.

Pola súa banda, a Lucía Freitas expresou o seu agradecemento polo convite do Concello que lle permitirá «poder falar desde o corazón para a que é para min a mellor cidade do mundo» e defendeu a súa cociña como unha maneira de «transmitir os nosos valores, o territorio no que vivo e o noso ecosistema».

Na súa interveción, a chef destacou a importancia de «xerar unha imaxe de Galicia» polo mundo para que «a xente veña eiquí a vivir a experiencia como composteláns» e tamén reivindicou «a gastronomía como un nexo de unión cultural e coa que se pode facer moito ben e axudar a moita xente» así como «as mulleres que están na base e que a súa linguaxe é o traballo duro e o esforzo e manter as tradicións».

Foliada e concerto

A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, anunciou que «para dar continuidade ao éxito acadado o pasado ano cunha praza o Obradoiro ateigada de bailadores e bailadoras facendo filas, rodas, sacando puntos», o Concello organizará novamente unha gran foliada popular para amenizar a noite do pregón.

A edila animou a «todas as persoas das escolas de baile e grupos folclóricos, grupos de amigos, amigas, por xunto, por separado…» a que se acheguen ao Obradoiro o vindeiro venres 19 de xullo a partir das 20:30 horas para formar parte deste «espectáculo de baile e canto colectivo, sen importar a idade, condición física ou experiencia».

Despois do pregón, ás 22:15 horas, a praza da Quintana acollerá o concerto de Dakidarría, unha banda galega que fusiona ska, reggae, punk-rock e ritmos urbanos cheos de enerxía a que chega a Santiago para presentar o seu novo disco ‘XX’, rexistrado en directo en dous festivais emblemáticos da súa terra como son Revenidas e Castañazo Rock.

Lucía Freitas

Lucía Freitas naceu en 1982 en Santiago de Compostela (Galicia, España). Aos 19 anos comezou os seus estudos na Escola Superior de Hostalería de Artxanda (Bilbao).

Nas súa ampla traxectoria destaca o seu paso por Mugaritz, onde descubriu o mundo verde e as hortas e onde se impregnou da filosofía e dos valores que rodean o produto de proximidade e que, a día de hoxe, caracterizan o seu traballo. Tamén pasou por Relais Chateau como xefa de pastelería do seu restaurante Tápies, o que lle permitiu definir a súa visión económica e estratéxica da gastronomía como negocio e foi o momento chave que deu lugar á apertura do seu primeiro restaurante: A Tafona, inaugurado en 2009 en Santiago.

Desde entón, a chef galega logrou diversos recoñecementos: o segundo posto no concurso nacional Cociñeiro do Ano (2016), unha estrela Michelin (2018) e dous soles (2019)para A Tafona . Ademais en 2017 abriu os proxectos «Tomiño, Taberna Galega» en Nova York e LUME en Santiago. En 2020 lanzou a súa liña de xeados de autora, Cinza, e o seu delivery «Misto».

O programa completo das Festas do Apóstolo está dispoñible na web do Concello.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%