Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 febrero, 2024
Evento organizado pola Asociación Cultural Inquedanzas, en colaboración co Concello de Ordes, para homenaxear aos once veciños do municipio que foron fusilados en Boisaca ese mesmo día de 1937
6 de febreiro de 2024.- A Asociación Cultural Inquedanzas, en colaboración co Concello de Ordes, organiza a presentación do libro “A loita dos perdedores. Razón e xénese da guerrilla antifranquista en Galicia”, do historiador Luís Lamela. Un acto no que estará acompañado polo escritor Antonio Campos Romay e que terá lugar no Museo do Traxe de Ordes este xoves 8 de febreiro, a partir das 19:15 horas. A entrada é totalmente libre e de balde.
Con esta presentación, a Asociación Cultural Inquedanzas pretende homenaxear un ano máis aos once veciños de Ordes que foron executados o 8 de febreiro de 1937 no camposanto compostelán de Boisaca: Ángel Jesús Caamaño, José García Fernández, José Iglesias Vilariño, Manuel Moure Rey, Andrés Nogareda, Paulino Pérez García, José Pérez Sanmartín, os irmáns José e Manuel del Río Pampín, José Vázquez Mandayo e Benito Vilariño Liste. Once labregos, mestres, carteiros, ferroviarios, perruqueiros… veciños de Ordes que foron fusilados polo simple delito de pensar diferente.
Un bando, o dos perdedores da guerra, que recolle fielmente o historiador corcubionés no seu libro “A loita dos perdedores. Razón e xénese da guerrilla antifranquista en Galicia”, editado en outubro de 2023 por Edicións Laiovento, tanto en formato físico como dixital. Un ensaio de 302 páxinas que pretende axudar a crear unha imaxe máis humana e equilibrada da loita guerrilleira antifranquista.
Luís Lamela (Corcubión, 1945) é un dos pioneiros na restauración histórica da memoria do franquismo e o antifranquismo en Galicia dende unha actividade investigadora que comezou no ano 1987, labor polo que ten recibido distincións como o Premio Faro Nerio (2006) ou o Premio de Honra de Radio Nordés (2011). Tamén ten colaborado en xornais e revistas como La Voz de Galicia, El Ideal Gallego, Unión Libre ou Anuario Brigantino.
“A loita dos perdedores” é o seu segundo ensaio en galego, despois de “A represión da masonería viguesa” (2008, A Nosa Terra) e unha decena de ensaios en castelán sobre vítimas da represión franquista como Pepe Miñones, Antonio Fernández Pita, Foucellas, Manuel Ponte Pedreira…
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)