AD

Comarca

Mabel Lozano avoga pola abolición da prostitución nun auditorio padronés ateigado de público

today14 marzo, 2025

Fondo
share close
AD

• A directora asistiu á proxección do seu documental ‘El Proxeneta’ e participou no debate posterior
• A concelleira de Igualdade, Mariló Saco, recorda que este acto dálle continuidade o traballo que se comezou hai meses nos institutos co visionado de ‘Chicas nuevas 24 horas’

Padrón. 14-3-2025.- Mabel Lozano, cineasta e activista na loita contra a explotación sexual das mulleres, avogou este venres, 14 de marzo, en Padrón pola abolición da prostitución durante o debate que seguiu á proxección de ‘El proxeneta. Paso corto, mala leche’, documental no que se achega ao sórdido mundo da prostitución a través do duro testemuño dun tratante de mulleres arrepentido.

Na presentación do acto, enmarcado nas actividades organizadas polo Concello de Padrón, para conmemorar o Día da Muller, a concelleira de Igualdade resaltou que “Mabel visibiliza na súa extensa filmografía a denuncia e a loita contra a violencia sexual que sufrimos as mulleres mediante a trata, a prostitución e a pornografía”.

Mariló Saco incidiu tamén en que a proxección de ‘El proxeneta’ “supón a continuidade dun traballo de sensibilización e reflexión que o Concello de Padrón comezou hai meses nos institutos co visionado doutro documental de Mabel Lozano, ‘Chicas nuevas 24 horas’, no que aborda o negocio da compravenda de mulleres e nenas”.

O público que ateigou o auditorio municipal de Padrón para ver ‘El proxeneta’, cinta que desenvolve a trama dun libro escrito tamén por Mabel Lozano, quedou impactado co retrato da evolución da prostitución en España dende os anos 80 ata a actualidade. Miguel ‘El Músico’, que rexentou con seus exsocios unha ducia dos macroburdeis máis importantes de España, relata no documental o proceso de transición entre a prostitución en mans de chulos e macarras ata a trata de mulleres e saca á superficie un universo dominado pola trata de seres humanos, os asasinatos, os secuestros, as extorsións, o lavado de diñeiro e outros delitos.

Mabel Lozano, gañadora de dous Premios Goya por curtametraxes documentais que denuncian a explotación sexual das mulleres, defendeu durante o debate a abolición da prostitución e incidiu na esclavitude á que son sometidas moitas mulleres, captadas ou directamente secuestradas nos seus países de orixe. Ademais, denunciou a existencia dunha trama delitiva na que os proxenetas contan coa complicidade de avogados, médicos ou policías corruptos e resaltou que hoxe en día son moitas as persoas novas que dan o salto á prostitución e a condutas sexuais abusivas dende o material pornográfico accesible sen censura algunha en Internet.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *