Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today8 julio, 2024
Bertamiráns acolleu esta fin de semana a sétima edición do Ames Jazz, unha iniciativa que combinou diversas propostas musicais durante as noites do venres 5 e o sábado 6. O festival estivo protagonizado por María Toro Trío e Kin García Quinteto. Ademais, proxectouse o documental “A film about kids and music: Sant Andreu Jazz Band” e impartiuse o faladoiro “Dende Galicia para o Mundo”. Nesta edición máis de 350 persoas participaron nas diversas actividades do festival que, o alcalde de concelleiro de Cultura, Blas García, espera que siga medrando edición tras edición e poida chegar a converterse no evento punteiro a nivel galego de jazz: “Este concello está comprometido co proxecto, ano a ano o Ames Jazz vai atraendo a máis xente e xa está asentado como un evento fixo para os fanáticos deste xénero musical” explica o rexedor.
O Pazo da Peregrina volveu ser o escenario do Ames Jazz os días 5 e 6 de xullo. O festival celebrou a súa sétima edición repetindo formato. Por terceira vez na súa historia tivo unha duración de dous días, o venres 5 e o sábado 6 de xullo, e contou, ademais de cos habituais concertos, coa proxección dun documental e cun faladoiro, relacionados co xénero musical do jazz.
A programación comezou o venres 5, ás 22.00 horas, co concerto de María Toro Trío, integrado pola frautista e compositora María Toro, e polos músicos Guillermo Barrón e Adrián Alvarado. Ofreceron un concerto baseado na música flamenca que incorpora a profusión do jazz e doutras músicas populares.
Faladoiro e documental sobre jazz
Por outra banda, xa na segunda xornada, a do sábado 6, houbo diversas actividades ao longo do día. Ás 12.00 horas impartiuse o faladoiro “Dende Galicia para o mundo”. O coloquio, que se celebrou no pub O Transistor, situado en Bertamiráns, contou coa participación de Adrián Besada, Aitana Cuétara e Xacobe Martínez Antelo.
Xa pola tarde, ás 20.00 horas, proxectouse o documental catalán: “A film about kids and music: Sant Andreu Jazz Band”, na sala de exposicións do Pazo da Peregrina. Trátase dunha peza do director Ramón Tort protagonizada pola Sant Andreu Jazz Band. Esta orquestra, dirixida por Joan Chamorro, reúne a nenos e nenas de entre 6 e 18 anos arredor dun repertorio de jazz clásico que enche os auditorios máis importantes do país. O filme é unha viaxe da man do director da orquestra, que somerxe ao espectador nun método de ensinanza tan singular como os resultados que xera.
Kin García Quinteto
O festival pechouse o sábado, ás 22.00 horas, co concerto de Kin García Quinteto. O contrabaixista que lle dá nome ao grupo, natural de Noia, é un dos músicos máis representativos do jazz galego e da world-music, cunha longa traxectoria nacional e internacional que no ano 2009 o levou a estar prenominado aos premios Grammy polo seu disco “Atlantic Bridge”. Actualmente compaxina a docencia como profesor do Conservatorio Superior de Música da Coruña na especialidade de jazz, coa súa carreira persoal como intérprete.
Na súa extensa traxectoria ten traballado con unha longa lista de artistas internacionais, achegándose a moitos estilos diversos (jazz, folk, músicas do mundo….). No Ames Jazz presentou o seu último proxecto a quinteto, acompañándose de catro grandes músicos como son Antía Muíño na voz, Xosé Miguélez no saxo, Jacobo de Miguel no piano e Noly Torres na batería.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)