AD

Actualidad

Martín Pereira Fariña, elixido novo decano de Filosofía da USC

today19 octubre, 2026

Fondo
share close
AD

Luns, 19 de outubro de 2026.- O profesor Martín Pereira Fariña acaba de ser elixido novo decano da Facultade de Filosofía da USC por 15 votos a favor e ningún en contra. O profesor Fariña, que substitúe no cargo a Xavier de Donato, “busca consolidar o bo traballo realizado nos últimos tempos”. O novo decano, de cara aos próximos 6 anos, ten como principais obxectos o coidado e a mellora dun edificio histórico e das infraestruturas para a docencia “para que sexa un bo espazo de traballo para todo o mundo, especialmente polo reto que supón o gas radon”;  así como facer unha análise do que está funcionando ben nas titulacións e o que ten que ser mellorado, tanto no grao como no mestrado, “e discutir entre toda a comunidade que accións de mellora levar a cabo, tanto en temas de coordinación entre as materias como de conciliación”.

Para Martín Pereira tamén está presente o reto do uso da Intelixencia Artificial, “que aínda non sabemos moi ben como guiar e facer un uso responsable da mesma na docencia e na investigación”. Outro obxectivo para o novo mandato “é simplificar e axilizar, na medida do posible, a xestión do día a día no centro para que non leve máis tempo e esforzo do que sexa necesario; seguir mantendo a actividade cultural da facultade, non só con actividades orientadas ao noso estudantado, senón a toda a comunidade universitaria e á cidadanía”. Para o profesor, “a filosofía debe ser un lugar de referencia para a discusión crítica e a reflexión na cidade”.

Traxectoria

Martín Pereira Fariña é licenciado en Filosofía (2007) e doutor pola Universidade de Santiago de Compostela (2012), onde defendeu unha tese centrada no desenvolvemento dun modelo computacional para unha versión ampliada da siloxística aristotélica. Foi investigador posdoutoral na Universidad del Bío-Bío (Chile) en 2015, no Centre for Argument Technology (ARG-tech) da Universidade de Dundee (Reino Unido) e no Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC).

No 2019, desenvolve a súa actividade docente e investigadora na Universidade de Santiago de Compostela, onde actualmente é profesor contratado doutor no Departamento de Filosofía e Antropoloxía. No ámbito da investigación, traballa nos eidos da teoría da argumentación e o seu tratamento con ferramentas computacionais e da filosofía da Intelixencia Artificial, acumulando máis de 80 publicacións científicas. Pertence ao grupo Episteme e ten 10 proxectos de investigación, tanto nacionais como internacionais. No ámbito da xestión, ten desempeñado os postos de secretario da Facultade de Filosofía e de director do Departamento de Filosofía e Antropoloxía.

Equipo

Completan o equipo decanal o secretario Eduardo Pérez Navarro e o vicedecano Delmiro Rocha Álvarez.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *