AD

Comarca

Melide traslada ao Estado a súa preocupación polos «riscos de seguridade» na autovía A-54

today30 noviembre, 2024

Fondo
share close
AD

 

O incremento do tráfico pesado na estrada AC-840 pola apertura do tramo da autovía A-54, entre Palas de Rei e Melide, poderá ocasionar grandes retencións na vila. A presenza nas inmediacións do acceso á autovía de centros escolares e do centro de saúde preocupa ao Concello polos problemas de seguridade derivados deste aumento de vehículos. Na zona tamén se atopan o campo de fútbol e grandes superficies comerciais.

O Concello de Melide traslada ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, a través da subdelegación do Goberno na Coruña, a súa preocupación ante o impacto sobre o tráfico na vila da anunciada apertura, antes de final de ano, do tramo Melide-Palas de Rei da autovía A-54. Estas preocupacións atinxen, nomeadamente, á seguridade viaria, pola situación do ramal de acceso á autovía a partir da estrada AC-840, en cuxas inmediacións se atopan tanto o colexio de educación infantil e primaria Mestre Pastor Barral como o Centro de Saúde ou a Escola Infantil. Pero tamén á sobrecarga do tráfico pesado no centro urbano de Melide, coas posibles retencións que poidan rexistrarse debido á dificultade dos grandes vehículos de carga para efectuar o xiro na rotonda central.

O Concello expresou nunha xuntanza coa subdelegación do Goberno, a xefatura da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia e a dirección de Obra Civil de Galicia de Acciona, entre outras, que a apertura do tramo provocará un intenso fluxo de tráfico converxente na rotonda central, e que na saída da autovía está situada unha importante zona industrial que xa rexistra a diario un notable tráfico de camións. Tamén se aludiu á proximidade do acceso ao campo de fútbol municipal, con grande afluencia de vehículos durante as fins de semana, o campo da feira e dúas grandes superficies comerciais.

No tocante ao centro médico e aos colexios, o Concello ten en conta os posibles riscos de seguridade e de funcionamento normal destas infraestruturas. Por exemplo, no que atinxe á entrada e saída de ambulancias durante a atención de urxencias, así como de autobuses de transporte escolar.

Os problemas de circulación que xa a día de hoxe soporta Melide agravaríanse, xa que logo, coa prevista apertura parcial da A-54. O Concello, que agarda unha nova xuntanza coa subdelegada do Goberno en vindeiras datas co fin de traballar en posibles solucións, propón unha serie de medidas que poidan paliar ou diminuír o impacto.

Entre elas, está a apertura dun tramo da autovía Melide-Arzúa que evite que o tráfico da A-54 atravese o centro da vila. Outra das propostas é que se regule o tráfico pesado, de forma que entre Palas e Melide este teña que empregar, como ata o de agora, a N-547, de forma que ese eviten os xiros na rotonda que obstaculicen a circulación.

Por outra banda, e sen prexuízo das anteriores propostas, o Concello reclama a instalación de elementos de seguridade no tramo urbano próximo ao acceso á autovía. Estes elementos inclúen semáforos alá onde sexa necesario para regular o tráfico e a instalación de pasos de peón luminosos que melloren a visibilidade, entre outros.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%